O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe que Galicia é a Comunidade que rexistra un maior crecemento do PIB per cápita nos últimos 15 anos, 7,2 puntos máis que a media de España.
Durante unha rolda de prensa, o conselleiro de Facenda e Administración Pública precisou que, en Galicia, o PIB per cápita medrou un 41% desde o ano 2009, mentres que en España fíxoo un 33,8%. “Tan só nove comunidades presentan unha mellor evolución que a media neste período e Galicia é a que ten un mellor comportamento”, dixo, incidindo en que durante todo o período 2009-2023, vén situándose entre as CC.AA. con maior crecemento na riqueza por habitante.
Como consecuencia desta boa evolución, subliñou que a comunidade conseguíu mellorar 4,7 puntos o seu nivel de converxencia coa media de España, ata chegar ao 92,5% no ano 2023, «unha evolución coherente coa previsión de achegarnos á plena converxencia (98%), no horizonte 20230″, segundo indican desde a Xunta de Galicia.
No tocante á renda dispoñible per cápita dos fogares, Miguel Corgos resaltou que nos últimos 14 anos, Galicia diminuíu o diferencial de renda dispoñible por fogar en 556 euros, aumentando en 3.366 euros a renda dispoñible por fogar entre 2009 e 2022, fronte aos 2.810 euros da media de España.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu a súa intervención recordando que, un ano máis, os orzamentos autonómicos xa están en vigor desde o 1 de xaneiro e, por tanto, os cidadáns e empresas galegas xa se poden beneficiar de todas as medidas incluídas nos mesmos, como a nova rebaixa no Imposto de Sucesións para que os primeiros 25.000 euros entre irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras, non paguen nada. Con esta reforma, dous de cada tres herdeiros non tributarán.
Así mesmo, para reforzar a aposta pola vivenda, resaltou que os orzamentos inclúen tamén medidas fiscais como a bonificación do 75% dos Actos Xurídicos Documentados (AXD) para adquirir, construír e rehabilitar edificios destinados ao aluguer, de xeito que se incentive a oferta de vivendas en alugueiro. Ademais, as persoas que merquen locais comerciais para vivenda beneficiaranse tamén dos tipos reducidos en Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) e AXD dos colectivos prioritarios.
Estas dúas medidas reforzan a rebaixa xa en vigor de tipos reducidos para a compra de vivenda para rehabilitación (6% de ITP e 4% en zonas pouco poboadas).
Ademais haberá unha dedución no IRPF, de 500 euros polo arrendamento de vivendas baleiras, así como un 15% máis para os gastos de rehabilitación dun inmoble baleiro para destinalo ao arrendamento como vivenda, por un importe máximo de 3.000 euros ao ano, durante tres exercicios. Os inmobles teñen que levar, polo menos, 1 ano baleiros; que estea arrendado nun prazo máximo de 6 meses dende a data de finalización da obra e que o valor do inmoble non supere os 250.000€.
“En definitiva, un ano máis, en Galicia contamos cuns orzamentos en vigor con rebaixas de impostos das que xa se poden beneficiar as galegas e os galegos”, dixo, subliñando que esta situación cobra maior valor tendo en conta a continua suba de impostos por parte do Goberno central e a prórroga, por segundo ano consecutivo, dos orzamentos xerais do Estado.