A Eurocidade Tui-Valença vén de suspender a súa Cabalgata Internacional de Reis, ante as adversas predicións do tempo para esta fin de semana. Garantir a seguridade tanto do público coma das persoas participantes na comitiva motivou esta decisión xa que gran parte do percorrido, de 3,5 quilómetros entre as dúas cidades, transcorre por zonas moi abertas, e a previsión indica a posibilidade de refachos fortes que poderían acadar os 80 kms/h.
Aínda que non poidan realizar este percorrido internacional Melchor, Gaspar e Baltasar estarán este domingo, 5 de xaneiro, no Teatro Municipal de Tui para recibir a todos os nenos e nenas que desexen saudalos de 12 a 14 h e de 17 a 20 h. O escenario do teatro tudense transformarase con toda a maxia dos Reis para dar a benvida aos pequenos e pequenas. Os Magos de Oriente escoitarán atentos as súas peticións e obsequiaranos con lambetadas.
Amais as carrozas das asociacións Arume de Malvas, Aloia de Pazos de Reis e Xuntanza de Randufe estarán expostas no exterior do Mercado de San Antonio o domingo de 17 a 20 h. Nese horario poderase disfrutar da creatividade e ilusión plasmada no traballo destas tres asociacións. Contarase tamén coa actuación das charangas A Tu Ritmo e Cantos Somos no Teatro Municipal.
Os Reis visitaron xa esta mañá ás persoas maiores da Residencia Paz e Ben, do Centro de Día Amoralia, e da Residencia San Telmo de Tui, e esta tarde estarán na IPSS da Cruz Vermelha, na Santa Casa da Misericordia e no Centro de Día de Valença compartindo así con tamén con eles a ilusión e a maxia destas festas.