O Concello do Porriño, a través da súa concellería de Medio Ambiente, informa á veciñanza sobre os puntos de informaicón e tramitación que se desenvolverán nas distintas parroquias do municipio para explicar as obrigas de limpeza das fincas situadas en franxas secundarias, arredor das vivendas e núcleos de poboación, coa finalidade de previr incendios forestais.
O SEAGA (Servizo Agrario Galego) realizou unha inspección en máis de 10.000 parcelas do Porriño, detectando que arredor do 50% destas fincas necesitan ser limpadas total ou parcialmente. Como resultado, enviáronse notificacións aos propietarios, aos que se lles concede un prazo de 15 días naturais para cumprir coas súas obrigas de xestión da biomasa.
Na notificación, advirte que, no caso de non cumplir coa limpeza das parcelas, o incumprimento poderá dar lugar a multas reiteradas cada tres meses por un importe de 900 euros por hectárea ou a parte proporcional, se a parcela é de menor superficie. Tamén se podería proceder á execución subsidiaria por parte do Concello, co correspondente cargo de gastos ao propietario.
Para facilitar a tramitación á veciñanza e resolver calquera dúbida, o Concello habilitou un calendario de atención nas parroquias, no que estarán presentes os concelleiros/as de Medio Ambiente e Limpeza, así como persoal do Rexistro Municipal. O obxectivo destas xornadas é informar á veciñanza sobre os requisitos, tramitar ampliacións de prazo e outros aspectos relacionados co proceso.
As reunións levaranse a cabo nos centros culturais das parroquias no horario de 9:00 a 14:00 horas:
- Martes 7 de xaneiro: Pontellas
- Mércores 8 de xaneiro: Mosende
- Xoves 9 de xaneiro: Chenlo
- Venres 10 de xaneiro: Budiño
- Luns 13 de xaneiro: Atios
- Martes 13 de xaneiro: Torneiros
Os veciños e veciñas do Porriño poderán acudir para obter toda a información necesaria e realizar as súas xestións de forma cómoda. O Concello recorda que está a «disposición de toda a cidadanía para calquera consulta ou tramitación relacionada co cumprimento das obrigas de limpeza».