jueves, enero 2, 2025
InicioNewsActualidadeOs ranchos de reis continúan a súa tradición en Salceda de Caselas

Os ranchos de reis continúan a súa tradición en Salceda de Caselas

Salceda de Caselas encheu as súas rúas e prazas de música, danza e moita alegría o pasado sábado 28 decembro coa celebración do VII Encontro de Ranchos e Danzas Tradicionais.

O evento, organizado pola Asociación Cultural A Feira e o Concello de Salceda de Caselas, contou cun total de seis agrupacións participantes chegadas dende diferentes puntos da panínsula.

As agrupacións que estiveron presentes foron: o Rancho de Reis do Casco Vello de Vigo, o Entroido de Cobres de Vilaboa, o Grupo de danzas Hoyocasero de Ávila, o canto de reis do grupo O Serán de Salceda de Caselas e a anfitrioa, a Asociación Cultural A Feira, que presentou o seu rancho de Reis, rancho de Entroido e o ranchiño, que acolle aos nenos e nenas que se preparan para formar parte dentro duns anos dos ranchos de Reis e Entroido.

A xornada festiva comezou xa pola mañá, cunha ruta musical pola hostalería do casco urbano. Así mesmo, a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, quixo «agradecer á Asociación Cultural A Feira o traballo a prol da recuperación dos ranchos de Salceda, continuando o traballo comezado por Castro Barreiro e polo Grupo O Serán, que agora se consolida co traballo que se está a realizar dende o barrio da Feira».

Do mesmo xeito, Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura asegurou que “seguiremos traballando por recuperar e poñer en valor o noso patrimonio inmaterial, preservando a nosa cultura, e unindo esforzos na defensa do que nos identifica e diferencia”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS