A Deputación de Pontevedra vén de convocar un novo Consorcio de Mobilidade, ao que se poderán adherir os centros educativos da provincia, coa finalidade de presentar conxuntamente unha solicitude de proxecto e financiamento ao Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) dentro da convocatoria de propostas 2025 do Programa Erasmus+ para impulsar a mobilidade internacional do alumnado da provincia.
Os centros poderán enviar as solicitudes de adhesión ata o próximo 15 de xaneiro.
O novo consorcio tomará a remuda do actual, do que xa forman parte 29 centros educativos de 22 concellos da provincia, entre os que se atopan A Cañiza, A Estrada, A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Vigo, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.
O requisito para poder formar parte do consorcio será impartir especialidades de grao básico e medio así como certificados de profesionalidade dos niveis I, II e III.
Deste xeito, coa súa participación no Erasmus+, a Deputación impulsa que o alumnado da provincia recentemente titulado, así como docentes e persoal non docente que traballe en educación e formación profesional, realice mobilidades en países europeos para realizar prácticas profesionais en empresas e organizacións do estranxeiro.
O obxectivo xeral do Programa Erasmus+ é apoiar, mediante a aprendizaxe permanente, o desenvolvemento educativo, profesional e persoal das persoas no ámbito da educación e a formación, a mocidade e o deporte, tanto dentro como fóra de Europa, a fin de contribuír ao crecemento sostible, ao emprego de calidade, á cohesión social, a impulsar a innovación e a reforzar a identidade europea e a cidadanía activa.
O proxecto terá unha duración inicial de 15 meses, con posibilidade de prórroga ata os 24 meses, mentres que as estadías se levarán a cabo en diferentes períodos a concretar.
As persoas beneficiarias poderán realizar a mobilidade nun dos países do programa Erasmus+, é dicir, países pertencentes á Unión Europea e aqueles países asociados ao programa.