A Corporación do Concello de Ponteareas aprobou no último pleno do ano, celebrado onte, solicitar ao Estado a cesión dun tramo da N-120. A alcaldesa, Nava Castro, xa propuxera esta cuestión ao subdelegado do goberno Abel Losada na reunión mantida hai unhas semanas. O Pleno acordou facultar á alcaldesa como representante do Concello en todos os trámites e comezar así coa solicitude de cesión do tramo da estrada N-120. A zona solicitada sería dende a Capela dos Remedios ao IES Barral para que ese tramo urbano sexa a estrada municipal.
Este cambio de titularidade permitirá unha intervención máis áxil na mellora da seguridade do alumnado do IES do Barral e da veciñanza da contorna. Tamén unha planificación do territorio en función das necesidades locais e superar as trabas que actualmente dificultan a rehabilitación das vivendas catalogadas. Isto especialmente en áreas históricas como o casco vello de Ponteareas, onde a situación actual está provocando a degradación urbana e o incremento de vivendas baleiras. A titularidade municipal facilitará a realización de proxectos que promovan a revitalización da contorna e o aproveitamento destes inmobles.
Ao pasar a ser unha estrada municipal simplificaranse significativamente os procedementos administrativos. Isto axilizará a execución de iniciativas locais, permitindo ao Concello responder con maior rapidez ás necesidades da comunidade.
Beneficio público da titularidade municipal
Unha das principais preocupacións á que poderá responder este cambio é a mellora da seguridade e accesibilidade, especialmente en zonas sensibles como os accesos ao IES do Barral. Coa cesión, poderase acometer obras específicas para garantir a seguridade das e dos escolares e demais usuarios do vial. Así mesmo, mellorará as condicións de tránsito e reducirá riscos asociados.
Explica a alcaldesa, Nava Castro, que “a cesión solicítase considerando que a titularidade municipal redundará no beneficio público e permitirá atender máis eficazmente as necesidades urbanísticas e de mobilidade da poboación”.
A concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez Táboas, expuso que a titularidade municipal posibilitará integrar este tramo dentro da planificación urbana e das estratexias de mobilidade sustentable do Concello, permitindo unha xestión máis coherente e adaptada ás prioridades locais. “Un feito que contribuirá ao desenvolvemento económico e social ao facilitar infraestruturas máis funcionais e orientadas ao crecemento urbano”.
Ao asumir o Concello a xestión directa do vial, garantirase un mantemento máis eficiente e unha capacidade de resposta inmediata ante calquera necesidade, desde reparacións ata melloras na sinalización ou adecuacións no deseño do vial. A cesión, por tanto, representa unha oportunidade para reforzar a autonomía municipal e mellorar a calidade de vida da veciñanza de Ponteareas.