O Concello de Ponteareas abre as portas do Mercatea Nadal ao comercio local con 40 postos gratuítos repartidos en dous días nesta fin de semana, o 28 e 29 de decembro. Ricardo González, o concelleiro de Comercio, convidaou a todos comercios da vila a solicitar o seu posto dentro da feira de nadal na nave de Aceros del Tea.
O obxectivo desta iniciativa é potenciar e dinamizar o comercio local. Ademais, o concelleiro explica que todos os establecementos interesados teñen un posto no Mercatea Nadal. Para mañá, sábado 28 de decembro, o Concello ofrece 20 postos. Así mesmo, para o domingo 29 haberá outros 20 espazos para o comercio local, non podendo facer uso deste dereito os comercios participantes no Mercatea Nadal o día 28. Os comercios locais deberán dirixirse á concellería de Comercio ou ás asociacións de comerciantes Banastra e Tea que traballan a diario en conxunto co Concello para potenciar o tecido comercial.
“Trátase de dar unha oportunidade a todos os comercios e un novo emprazamento sen custo no que poder vender os seus produtos. Para que chegue a un maior número de locais dispomos a elección dun dos dous días”, explica Ricardo González. O Mercatea Nadal abre así as súas portas aos establecementos da vila totalmente de balde e ofrece a oportunidade de darse a coñecer a todas as persoas que pasarán na fin de semana para pasear e vivir o Nadal en Ponteareas. Todo o comercio participante recibirá bolsas reutilizables de promoción da vila en lingua galega para que entreguen aos seus clientes.
O Mercatea Nadal ofrecerá nas fins de semana concertos, catas de viños, obradoiros e máis de trinta postos onde atopar alimentos, bebidas, complementos, xoias, monicreques, obxectos artesás de madeira e unha morea de propostas para agasallar.