O Concello do Porriño celebrará a tradicional Carreira de Nadal este domingo 29 de decembro, un evento aberto a todas as idades. A proba, cun percorrido accesible de tan só catro quilómetros, consistirá en dúas voltas ao circuíto urbano de dous quilómetros. Ademais, terá como punto de saída a Praza Arquitecto Antonio Palacios ás 11.00 horas.
Esta carreira non só será unha oportunidade para practicar deporte, senón tamén para mostrar o lado máis solidario do pobo. Todos os participantes deberán deixar un donativo solidario, que deberá ser unidade de produtos ou alimentos para bebés (como artigos de hixiene, cueiros, leite ou cereais) ou pasta tipo macarrón ou espiral. Estes produtos serán posteriormente distribuídos polo programa municipal de alimentos SOS Porriño entre as familias do municipio con menos recursos, colaborando así a mellorar as súas condicións durante estas festas.
A inscrición á carreira é totalmente gratuita e poderá realizarse a través da ligazón dispoñible en ecultura.net, que estará aberto ata as 23.30 horas de hoxe, 27 de decembro. Tamén se poderá inscribir de forma presencial o propio día do evento, na zona habilitada para tal fin preto da saída da proba, antes de que comece a carreira. Todos os corredores deberán estar na zona de saída 10 minutos antes do inicio da proba para poder colocarse de forma adecuada e garantir o bo desenvolvemento do evento.
A Carreira de Nadal está organizada polo Concello do Porriño, en colaboración co Club Atletismo Porriño, que contribúe á promoción do deporte en familia e á creación de eventos que unen o deporte e a solidariedade. Desde o Concello do Porriño convidan á veciñanza a unirse a esta xornada festiva e solidaria que promete ser un éxito rotundo.