O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o Concello das Neves, que vén de adquirir un novo vehículo para a protección do medio ambiente e do espazo natural grazas ao Fondo de Compensación Ambiental (FCA).
En total, o Concello contou cunha achega de 32.500 euros que permitiu a adquisición dunha retroescavadora mixta de segunda man coa que esperan axilizar e perfeccionar as tarefas de limpeza e coidado do medio ambiente. Neste sentido, Reguera destacou a “boa decisión tomada polo concello, tendo en conta que As Neves é un concello especialmente vulnerable aos incendios”.
Esta liña de axudas contou cun orzamento de máis de 475.000 euros no ámbito territorial de Pontevedra, da que se beneficiaron 15 concellos.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de “seguir substituíndo as flotas municipais para conseguir institucións máis respectuosas co medio ambiente”.
Cómpre salientar que, dende 2010, o concello das Neves recibe achegas por valor de preto de 675.000 euros a través deste Fondo de Compensación Ambiental.
Fondo Compensación Ambiental
A FCA, Fondo de Compensación Ambiental, creouse para repartir o canon eólico en beneficio da conservación e restauración do entorno, así como do reequilibrio territorial. As actuacións subvencionables inclúen os investimentos e os gastos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio ambiente.
Entre os obxectivos que deben perseguir está a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e o aproveitamento recreativo e educativo dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben promover a eficiencia e o uso sostible das enerxías renovables e, en xeral, a protección do medio natural.