A cuadrilla de desbroces, xardíns e mantemento de Ponteareas actuou en máis de 600 quilómetros de estradas municipais nas 24 parroquias. No verán, a prioridade foi a celebración das festividades de cada unha das zonas da vila. A concellería de Desbroces, que dirixe Domingo Freitas, solicita a colaboración da cidadanía para manter as súas propiedades limpas. Ademais, o concelleiro salienta que dada a extensión do concello sempre queda moito por facer, pero a axuda da propiedade sempre contribúe para mellor. “Pedimos a colaboración no desbroce da vexetación e das pólas das árbores que saen dos recintos privados e invaden as estradas municipais inteferindo no paso de vehículos de transporte público e subministros”.
Catro persoas conforman o servizo de desbroce, podas e xardíns apoiadas polo tractorista municipal e por doce persoas dos programas de emprego da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia. Estes traballadores reforzan o servizo durante nove meses, contribuíndo a manter limpos torreiros de festas, estradas municipais e prazas e espazos públicos tanto do rural como do centro urbano. Ademais deste persoal, o Concello contou cun tractorista contratado ao abeiro destes programas que traballou con medios cedidos pola Xunta de Galicia.
A cuadrilla de desbroces realiza tamén o mantemento dos xardíns e as podas das árbores en contornas públicas. Neste aspecto a concellería pide o máximo respecto ás normas de convivencia, por exemplo, recollendo o lixo das mascotas. Tamén evitando danos nas prantas que embelecen a vila, así como mantendo a sinalización respectiva.