Ponteareas, O Porriño, Mos, Salceda, As Neves e Baiona son os municipios das comarcas que deciden espantar os malos augurios de aqueles e aquelas que aseguran que dá mala sorte celebrar antes de tempo o comezo dun novo ano. De feito, no caso dalgúns destes Concellos non é a primeira vez que se celebra un evento destas características e, ano tras ano, consolídanse como un dos reclamos máis agardados polos veciños e polas veciñas.
Venres 27 decembro
A capital da comarca do Condado, Ponteareas, celebrará por primeira vez unha festa Pre Fin de Ano. Será este mesmo venres, 27 de decembro, e actuará unha das orquestras más seguidas polo público en Galicia, a Kubo. O evento, con entrada de balde, comezará a partir das 22:00 horas na Praza Maior. O encargado de guiar as badaladas aos veciños e as veciñas será o pontareán Terio Carrera. Iso si, desde o Concello avisan de que o público deberá levar as súas propias uvas.
Ademais, os nenos e as nenas do municipio terán a súa particular festa para decir «adeus» ano 2024 a partir das 18:00 horas na Praza Bugallal.
Sábado 28 de decembro
Pola súa banda, os veciños e as veciñas de Mos así como aquelas persoas que prefiran desprazarse ata este municipio da Louriña participarán nunha festa Pre Fin de Ano que inclúe unha carpa climatizada. Será este sábado, 28 de decemebro, a partir das 23:00 horas.
Neste evento, actuará a orquestra París de Noia, o DJ recoñecido a nivel nacional e internacional Ballesteros e os artistas locais Samu Pexe e Alex G. Ademais, o Concello de Mos repartirá miles de uvas na Festa Pre Fin de Ano de xeito gratuito para o público asistente co obxectivo de que todos e todas conten con este froito para acompañar as badaladas da medianoite.
O Grupo de Teatro A Cividade é o encargado de dirixir as badaladas este ano en Mos. En total, son 10 compoñentes que levarán ata Mos un espectáculo de humor mentres o público despide o ano 2024 e dá a benvida ao 2025. A entrada é de balde.
Tamén na comarca da Louriña, a C.C.S Soutelo de Salceda de Caselas celebra a primeira festa de Pre Fin de Ano. Será o 28 de decemebro a partir das 23:00 horas e as persoas que desexen formar parte deste evento terán que insribirse no 676.909.443 e a entrada ten un prezo de cinco euros.
Na comarca do Condado, As Neves tamén celebra un evento especial co que despedir o 2024. Para iso, o DJ Manu Pérez amenizará a noite a partir das 22:00 horas e ás 00:00 horas soarán as badaladas das campás da Praza Maior coas tradicionais uvas e cotillón.
Pola súa banda, o Concello de Baiona e ACEBA celebran tamén este sábado as badaladas de Pre Fin de Ano a partir das 23:15 horas na Rúa do Reloxo. O DJ Fernando Collazo e DJ José Oliveira serán os encargados de dinamizar a despedida do 2024.
Luns 30 de decembro
Por último, a festa para despedir o 2024 no Porriño terá lugar o luns 30 de decembro. Comezará xa a partir das 11:00 horas coa Festa Infantil na que os máis pequenos e as máis pequenas serán protagonistas e terán o seu propio pre fin de ano con actividades, animación e pasacalles de persoaxes infantís. Para os maiores e as maiores, actuará a orquestra El Combo Dominicano e a xornalista local Raquel Atanes xunto a Juan Fuentes, presentadores do programa da TVG «Quen anda aí?» serán os encargados de dirixir as badaladas á medianoite.
Xa pola tarde, ás 19.00 horas, comeza a festa co pasacalles das tres rondallas locais, a de Pontellas, Santa Eulalia de Atios e Santa María, que desfilarán polas rúas da vila. A continuación, sobre as 22.00 horas, dará comezo a actuación da orquestra El Combo Dominicano. Coas badaladas, haberá uvas, cotillón e chocolate quente de balde para todas as persoas asistentes así como una sesión DJ, segundo explica a administración local.