O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reclamou ao Goberno central a integración presencial da Policía Nacional e da Garda Civil na sede do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112-Galicia, así como que xa é a Policía Autonómica.
Segundo Diego Calvo, a integración pretende garantir un mellor servizo aos cidadáns, facilitando a comunicación e a coordinación operativa entre os distintos organismos, e mellorando a eficacia das intervencións. Para iso, a sala do 112 xa conta con espazos de traballo para os representantes dos diferentes grupos operativos de emerxencias. En concreto, as unidades de Tráfico e Seguridade Cidadá da Garda Civil e da Policía Nacional contan con oficinas e postos de traballo co equipamento tecnolóxico necesario para atender as incidencias nas súas respectivas competencias.
O conselleiro salientou o importante labor que desenvolven os efectivos da Policía Autonómica como referente para as persoas operadoras da sala do 112 na resposta ás incidencias das súas competencias e das da Policía Nacional. Referiuse ás dificultades que pode haber nas grandes emerxencias para comunicarse coas salas de coordinación da Policía Nacional e a Garda Civil, con colapsos nas chamadas que se evitarían coa presenza de axentes no lugar.
Nesta liña, apuntou que segundo a memoria de actividade 2023 do 112-Galicia, a Garda Civil e a Policía Nacional están entre os organismos máis mobilizados na xestión de incidencias, con máis de 77.000 mobilizacións no caso da primeira, que só ten por diante as urxencias médicas e a Policía Local, e na segunda unhas 26.000. Ademais, apuntou que esta integración xa é unha realidade en comunidades como Madrid, Estremadura ou Canarias.
Drones para apoiar as funcións policiais
Diego Calvo realizou esta reclamación nunha visita á Axencia Galega de Emerxencias (Axega), acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axega, Marcos Araújo, pola entrega de dous drons á Unidade Policial Adscrita de Galicia. Trátase dun dron acuático e un dron aéreo, que servirán para apoiar as funcións deste corpo policial en ámbitos como a loita contra o furtivismo e os incendios forestais e a protección do medio ambiente, entre outros relacionados coa seguridade e protección. O material, presuposto en 16.200 euros, foi recibido polo comisario xefe da UPA, Jorge Rubal, e os membros do Equipo de Resposta Policial (Erpol).
A iniciativa enmárcase na aposta da Xunta pola mellora da prestación dos servizos de atención ás emerxencias e, en concreto, da Comisaría Autonómica, para reforzar a eficacia do seu labor. Nesta liña de actuación, nos últimos anos renovouse o parque móbil da unidade, así como o equipamento informático.
O conselleiro quixo agradecer o traballo realizado pola Comisaría Autonómica e insistiu na necesidade de cubrir o catálogo de persoal previsto para Galicia, establecido en 500 axentes. Na actualidade, o organismo conta con 344 membros, o que supón un déficit superior ao 30% e que aumentará coas xubilacións. Para Diego Calvo, esta situación pon en risco a cobertura efectiva das numerosas competencias que a UPA asumiu ao longo dos anos, de especial relevancia na protección das persoas e do patrimonio colectivo.