A Xunta levará a cabo o cambio de cubertas e fiestras do Colexio CEIP Antonio Carpintero, na localidade de Arbo, cun investimento de 515.000 euros. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP licita hoxe esta actuación, enmarcada no Plan de nova arquitectura pedagóxica. Este programa inicia agora unha segunda fase coa que eleva o seu orzamento a preto de 500 millóns de euros.
En concreto mudaranse os elementos de cubrición tanto do aulario como do comedor. En ambos os casos as novas cubertas serán de panel sándwich nervado, conformado con chapa de aceiro galvanizado lacado ao exterior e ao interior e con recheo intermedio de escuma de poliuretano, ao que se suma unha capa de illamento térmico disposto sobre o forxado de baixo cuberta nas aulas e sobre o falso teito existente no comedor.
Con referencia ás fiestras, serán substituídas por unhas novas de aluminio natural con rotura de ponte térmica. As persianas serán compactas con lamas de aluminio en cor similar á carpintería. Nas xanelas localizadas a unha altura que non permita a súa fácil apertura procederase á súa motorización e no aseos disporanse aireadores para garantir unha ventilación permanente.
Modelo pioneiro
Esta actuación está xa contemplada nos Orzamentos de 2025 da Consellería de Educación, Ciencia, universidades e FP. Intégrase no Plan de nova arquitectura pedagóxica, cuxo orzamento total o Goberno galego vén de elevar a preto de 500 millóns. O investimento inicial para o período 2025-28, aprobado hoxe no Consello da Xunta, é de máis de 267 millóns de euros, que se suman aos 230 millóns executados entre 2021 e 2024 con intervencións en practicamente todos os centros.
Isto inclúe tanto a construción e a ampliación de centros, como rehabilitacións integrais, cambios de cuberta, actuacións de enerxías renovables e numerosas obras de mediana e pequena envergadura como instalación de ascensores ou renovación de aseos, entre outros.
A segunda fase do plan consolida un investimento sen precedentes nun dos parques inmobiliarios máis grandes da Xunta de Galicia, o dos centros educativos, integrado por arredor de 1.600 edificios. Ao mesmo tempo avánzase cara a un novo modelo de centros de ensino, pioneiro, con instalacións adaptadas ás necesidades do ensino do século XXI, máis flexibles, versátiles e cunha maior accesibilidade. Apóstase tamén por colexios e institutos máis respectuosos co medio ambiente desde o punto de vista do consumo enerxéticos e da súa integración na contorna.