O Consello da Xunta aprobou dar continuidade para os vindeiros anos 2025 e 2026 ás axudas mensuais para mulleres vítimas de violencia de xénero. Estas achegas están destinadas a apoiar ás vítimas e dotalas das ferramentas necesarias para facilitar a súa autonomía e independencia económica do seu agresor.
O Executivo galego destina a esta liña de axudas un investimento inicial de 5,4 millóns de euros que pode ser ampliable en base ao número de solicitudes. Esta prestación periódica supón unha achega de entre 200 e 800 euros para cada unha das beneficiarias, dependendo da súa situación persoal, do número de fillos ao cargo e da súa renda económica.
Esta prestación está destinada ás mulleres vítimas de violencia de xénero, de trata ou explotación sexual, así como a aquelas que sufriran violencia vicaria. A nova convocatoria destas achegas entrará en vigor durante o mes de xaneiro do 2025 e o prazo para solicitala estará aberto durante todo o ano.