sábado, diciembre 28, 2024
InicioNewsA Xunta aproba un plan para reducir as esperas en materia de...

A Xunta aproba un plan para reducir as esperas en materia de dependencia e discapacidade

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou o «Plan de axilización e siplificación dos trámites de dependencia e discapacidade» dotado de 90 millóns de euros. Entre outras cuestións, o que se busca é reducir as esperas á hora de recibir unha prestación e garantir que ninguén espere máis de seis meses desde a presentación da solicitude ata a concesión do servizo ou axuda necesarios. 

Nesa liña e coa finalidade de axilizar ao máximo os trámites, Rueda explicou que «a burocracia se reducirá e a partir de agora só será necesario presentar unha única solicitude» na que xa haberá a información familiar e social dos solicitantes para poder resolvelo coa maior celeridade posible. Ademais, porase en marcha a incorporación dun asistente virtual que o guiará paso a paso na presentación de solicitudes electrónicas. A isto uniráselle o asesoramento sobre o procedemento dos traballadores sociais dos concellos.

Segundo explicou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o plan terá sete eixos principais: reducir ao máximo a burocracia, establecer un procedemento conxunto que aforre tempo e trámites, mellorar da xestión das citas, optimizar a xestión administrativa, mellorar a xestión dos nomeamentos, optimizar a xestión administrativa, o reforzo do papel dos servizos sociais, o establecemento dun protocolo de colaboración entre Política Social e o Sergas e a posta en marcha dun plan de formación.

Unificación e homologación

Outra das novidades «será a unificación dos procedementos de dependencia e discapacidade«, sinalou a conselleira. Así, a dependencia e a discapacidade poderán solicitarse ao mesmo tempo e cunha única cita, que tamén se valorará e resolverá conxuntamente, emitindo ao mesmo tempo o recoñecemento do grao de dependencia, a aprobación do PIA e a porcentaxe de discapacidade

Ademais, aplicarase unha homologación de dependencia á discapacidade. As persoas con dependencia recoñecida e que xa teñan nese momento solicitada a discapacidade recibirán no mes de xaneiro a resolución do seu certificado. Deste xeito, os de grao 1 terán recoñecido un 33% de discapacidade, os de grao 2, o 66% e os de grao 3, o 100%.

Non obstante, esta homologación será tamén de aplicación ás persoas dependentes unha vez soliciten o seu certificado de discapacidade.

Este plan, segundo explicou a concelleira, contempla tamén a mellora do sistema de convocatoria, “a través da posta en marcha dunha plataforma automatizada a través dunha mensaxe no móbil”. Tamén se optimizará o sistema de atención telefónica para acordar coas familias as datas de valoración.

Os plans de reforzo de persoal para as valoracións, cuxa vixencia remataba agora, prorróganse ata 2027. Isto supón seguir reforzando 107 profesionais. Ademais, en 2025 crearase unha xefatura do servizo de discapacidade nas catro provincias, o que redundará nunha mellor coordinación e planificación de todo o persoal. A isto sumarase a posta en marcha dun plan de produtividade con incentivos económicos

Con este plan de axilización e simplificación, blindarase o labor dos servizos sociais de base, para que poidan centrarse na atención directa ás persoas ao reducirse a carga burocrática. Este persoal ofrecerá un asesoramento completo sobre a presentación da solicitude e sobre os servizos e prestacións aos que teña dereito, realizando o correspondente seguimento. Como novidade, poderán presentar a solicitude por vía electrónica en nome do solicitante.

Colaboración co Sergas

Outro avance que se introducirá no sistema é o establecemento dun protocolo de colaboración co Sergas, que permitirá a emisión do informe sanitario de forma rápida e por vía electrónica.

O sétimo piar deste plan é o desenvolvemento dun programa de formación para traballadores dos servizos de dependencia e discapacidade. Tamén para os dos centros de saúde e os dos concellos. Información sobre aspectos fundamentais como: os cambios introducidos na normativa, as actualizacións de aplicacións, as ferramentas dispoñibles para a información e asesoramento ou a presentación telemática das solicitudes.

Por último, constituirase unha comisión de seguimento do plan, que se reunirá cunha periodicidade mínima trimestral para avaliar a súa execución.

O obxectivo, como destacou Rueda, é «seguir mellorando na valoración e atención ás persoas con dependencia e discapacidade«. «Este Plan é un esforzo decidido e ambicioso para seguir reducindo os tempos de espera e achegar os servizos da axencia a máis persoas», engadiu a conselleira de Política Social.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS