sábado, diciembre 28, 2024
InicioNewsA RaiaA Eurocidade Tui-Valença vivirá unha tarde máxica coa Cabalgata Internacional de Reis

A Eurocidade Tui-Valença vivirá unha tarde máxica coa Cabalgata Internacional de Reis

A Eurocidade Tui-Valença prepárase para vivir unha tarde máxica de Reis coa tradicional Cabalgata Internacional, que terá lugar o próximo domingo, 5 de xaneiro. As súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar, teñen previsto chegar ás 10.30 horas á estación de tren de Valença. Dende alí, iniciarán un percorrido de 3,5 quilómetros acompañados por unha ampla comitiva de máis de 200 persoas ata o Paseo da Corredoira en Tui.

Esta é a única cabalgata internacional entre dous países e volverá encher de ilusión ás miles de persoas que se achegarán a presenciar o paso dos Reis Magos polas rúas de Valença e Tui. Un dos momentos máis destacados será o cruzamento pola emblemática Ponte Internacional.

A Cabalgata Internacional de Reis, organizada pola Eurocidade Tui-Valença, conta coa colaboración da Garda Nacional Republicana, a A.H. Bombeiros Voluntarios de Valença, Protección Civil de Valença e de Tui, Policía Local de Tui, o Grupo Scout Alhoia e a Radio Municipal de Tui.

Percorrido das Maxestades

Melchor, Gaspar e Baltasar viaxarán en tres impresionantes carrozas, seguidos dunha colorida comitiva. Esta incluirá música a cargo da Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro e das charangas Cantos e A Tu Ritmo. Tamén estarán presentes as carrozas das asociacións Arume de Malvas, Aloia de Pazos de Reis e Xuntanza de Randufe. As agrupacións levarán maxia e alegría a este percorrido, durante o cal se repartirán máis de 1.500 quilos de caramelos sen glute.

Ao final do percorrido, os Reis Magos recibirán a todos os nenos e nenas que desexen saudalos no novo espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela. Como novidade, este ano ofrecerán unha recepción previa no mesmo lugar o domingo pola mañá, de 10.30 a 12.30 horas.

Ademais, Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán ás persoas maiores das residencias e centros de día de Tui e Valença. O venres 3 de xaneiro, a partir das 10.45 horas, achegaranse á Residencia Paz e Ben, ao Centro de Día Amoralia e á Residencia San Telmo. Pola tarde, desde as 16.00 horas, estarán en Valença, na IPSS da Cruz Vermelha, na Santa Casa da Misericordia e no Centro de Día.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS