Esta mañá o alcalde da Cañiza, Luis Piña, acompañado da traballadora social do Concello, Rita Gulías, informou das axudas de emerxencia tramitadas neste 2024. Estiveron destinadas a 34 unidades familiares, que percibiron unha media anual de 120 quilos de alimentos de primeira necesidade. Axudas que foron entregadas en dúas achegas efectuadas nos meses de marzo e de outubro.
Ata o ano pasado, o Concello realizaba cinco achegas ás familias beneficiarias do Programa. Así mesmo, dúas estaban con cargo ás subvencións de emerxencia da Deputación Provincial. Por outra banda, tres relacionábanse coas axudas de Cruz Vermella a través dun convenio de Adhesión ao Programa Operativo FEAD. Este está promovido polo Ministerio de Interior do Goberno de España, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e Cruz Vermella.
Programa Básico de “tarxeta -monedero”
A Unión Europea decidiu cambiar neste 2024 este sistema de achega de alimentos en especie por unha tarxeta monedero para utilizar directamente nos supermercados. Un cambio derivado da inclusión do Programa FEAD no FSE+ (Fondo Social Europeo), que afecta tamén ás directrices para obter esta axuda. Poden ser beneficiarios únicamente as familias que estén en situación de desigualdade con menores a cargo. Os fondos chegan ao Goberno de España, quen, a través do Programa Básico, os implementa en todo o Estado Español por medio das Comunidades Autónomas. As traballadoras sociais dos Concellos son as responsables de valorar e emitir os informes de necesidades ante a Cruz Vermella que é a encargada de xestionar a emisión destas “tarxetas monedero”, a perda, extravío e seguemento das mesmas.
Neste 2024 percibiron a tarxeta monedero no Concello 12 familias con nenos a cargo cun importe de entre 120 e 220 euros ao mes por familia. Este Programa Básico entregou un total 10.900 euros repartidos entre as familias da Cañiza que se suman ás achegas de emerxencia social tramitadas directamente nos servizos sociais. Outros 7.634,09 euros que suman un total de 18.534,09 euros de axudas as familias máis desfavorecidas.
Ademáis, o Concello aumentou as cantidades de alimentos entregados ás familias en 1.425 quilos máis, pasando de 2.655 kilos entregados en 2023 a 4.080 quilos en 2024. O investimento total foi de 5.716,80 euros destinados a productos de primeira necesidade. Ademais, 820 euros foron para o pago de alugueres polo uso de vivenda e 393,69 euros en concepto de recibos enerxéticos. Tamén 212,60 euros para produtos de farmacia e 500 euros para a adquisición de gafas e pequenos electrodomésticos de primeira necesidade. Isto fai un total que suma 7.643,09 euros destinados a emerxencia social.