Nestas datas de Nadal a Biblioteca Municipal de Tui está a agasallar a todos os nenos e nenas de até 9 anos de idade que retiren un libro en préstamo cun exemplar da obra clásica dos Irmáns Grimm “Branca de Neve e os sete ananos” adaptada e ilustrada por Ánxeles Ferrer, que vai acompañada dun CD cun audio-conto.
Ánxeles Ferrer posúe unha longa traxectoria como autora e ilustradora de literatura infantil, cunha decena de libros escritos e ilustrados por ela e con máis de vinte obras nas que participa como ilustradora. Na actualidade está centrada na súa actividade como artesá téxtil.
Este agasallo é posible grazas á colaboración da autora que ten doado un amplo número de exemplares desta obra á Biblioteca Municipal tudense coa finalidade de contribuír á difusión da lectura entre os seus usuarios máis novos.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente, agradece á ilustradora Ánxeles Ferrer que novamente este ano teña este xeneroso xesto para todos os lectores e lectoras máis cativas da Biblioteca Municipal tudense ofrecendo unha obra súa como agasallo aos que retiren libros en préstamos a domicilio nestas datas de Nadal.