A Deputación de Ourense porá en marcha un programa de colaboración cos concellos para elaborar un censo de instalacións que teñan amianto entre os seus materiais de construción, ademais de asistirlles na planificación da retirada nos centros municipais para no período comprendido entre 2025 e 2027. A corporación provincial, no derradeiro pleno de ano, aprobou este programa, que será executado a través da sociedade AquaOurense.
Os concellos interesados nesta iniciativa deberán comunicar a súa adhesión á mesma nun prazo de dous meses, contados a partir da publicación deste programa no Boletín Oficial da Provincia. A Deputación asumirá ao 100% o custe das actuacións, que inclúen o citado censo; a priorización do mesmo consonte ás directrices para a retirada do amianto instalado; a contratación dunha plataforma con visor web para o coñecemento do inventario e cuxo mantemento será asumido polos concellos; unha proposta de calendario e planificación para a retirada do material nas instalacións e emprazamentos municipais de carácter público; e a asistencia técnica para avaliar e elaborar dos pregos técnicos para a retirada e xestión do amianto, planificados por cada concello.
O custo destas accións, asumido pola Deputación na súa integridade, será de 6.491,05 euros por concello de máis de 5.000 habitantes; 4.604,41 euros por concello de entre 2.000 e 5.000 habitantes; e 3.460,20 euros para os concellos de menos de 2.000 habitantes.
Retirada prioritaria segundo instalacións e exposición á poboación
Cabe recordar, que a disposición adicional 14ª da Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, está dedicada ás instalacións e emprazamentos con amianto, e sinala que no prazo dun ano desde a entrada en vigor da lei, os concellos deberán elaborar o mencionado censo e planificar a súa retirada.
Tanto o censo como o calendario, que terán carácter público, serán remitidos ás autoridades sanitarias, ambientais e laborais competentes das comunidades autónomas, as cales deberán inspeccionar para verificar, respectivamente, que se retiraron e enviaron a un xestor autorizado. Esa retirada priorizará as instalacións e os emprazamentos atendendo ao seu grao de perigosidade e exposición á poboación máis vulnerable. En todo caso, as instalacións ou os emprazamentos de carácter público con maior risco deberán estar xestionadas antes de 2028.
Outras resolucións do pleno
Xunto coa adhesión da Deputación de Ourense á Federación Galega da Construción, desde o 1 de xaneiro de 2025, o pleno tamén deu o visto bo a unha modificación das bases de execución do orzamento vixente, que non afectan cuantitativamente ao documento xeral ao se tratar dun cambio de finalidade dunha subvención concedida ao Concello de Riós.
Ademais da cesión gratuíta ao Concello de Bande da parcela que ocupa a área de autocaravanas situada en Porto Quintela (Bande), aprobouse inicialmente o regulamento do servizo intermunicipal delegado de recollida e tratamento de lixo en 59 concellos da provincia. O documento regula os dereitos e obrigas da Deputación e os usuarios do servizo. Trátase dunha adaptación da ordenanza existente logo dos cambios normativos rexistrados nos últimos anos sobre residuos domésticos, de tal xeito que a Deputación dá un paso máis na modernización e transformación da xestión dos residuos de competencia local na provincia de Ourense.
A sesión ordinaria de decembro comezou cun minuto de silencio en memoria do exalcalde de Muíños e primeiro deputado socialista na corporación provincial, Rafael Pérez Martínez, falecido o pasado martes, así como tamén como mostra de repulsa polo asasinato este mércores dunha muller en Viveiro, nun novo caso de violencia machista.
Petición de xestión pública para o CAPD de Ourense
No apartado de proposicións, o pleno aprobou unha moción conxunta presentada por todos los grupos políticos da corporación provincial en apoio dunha xestión pública e directa do futuro Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense. Con este fin pídese á Consellería de Política Social e Igualdade que declare a este centro como público de xestión directa. O texto recolle tamén una petición para que as instalación entren en funcionamento no primeiro trimestre de 2025, así como incluír a partida orzamentaria correspondente para dotar de persoal funcionario ao centro.
Outra das proposicións aprobadas tiña como obxectivo reclamar da Xunta de Galicia un cambio no transporte público nas comarcas de Celanova e Baixa Limia, co fin de aumentar as frecuencias diarias entre Ourense, Celanova e Bande, adaptando os horarios ás necesidades dos usuarios, en base ás propostas dos concellos e demais administracións públicas, xa que o actual servizo non permite usar este transporte no día a día. Pídese reforzar frecuencias os venres e domingos pola tarde ante o aumento da demanda de estudantes e traballadores na fin de semana. Reclámase tamén a mellora das redes intermunicipais e as súas conexións coas cabeceiras de comarca.
A terceira das mocións aprobadas pide á Deputación que inste á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, á dinamización do plan reitor do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, no que afecta ás medidas de uso, xestión, emerxencias, actuacións, seguimento e avaliación, organización e programa financeiro. Pídese prioridade para poñer en marcha dos órganos de dirección, xestión e unha xunta reitora con representantes da corporación provincial e os concellos de Bande, Lobeira, Muíños, Lobios, Entrimo e Calvos de Randín. Ínstase tamén a desbloquear investimentos.