O segmento hoteleiro de Galicia vai pechando este ano con niveis de demanda que consolidan catro anos consecutivos de variación positiva nos once primeiros meses do ano, segundo fai saber a Xunta de Galicia. Así, en novembro, con 299.163 viaxeiros aloxados nos hoteis galegos e 561.267 noites, o que supón uns incrementos do 10,8% 11,2%, respectivamente, «o destino galego consolida así a súa estratexia de desestacionalización acadando incrementos en meses fóra de tempada».
Segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), estímase que o sector hoteleiro acadou uns ingresos totais nominais en novembro de máis de 22,7M€, rexistrando un incremento con respecto ao mesmo mes o ano pasado do 10,5% e superando tamén os niveis previos á pandemia.
Por mercados, o 79% do peso corresponde ao nacional, segmento no que ten un maior peso o de residentes noutras Comunidade Autónomas representando o 47,4%, fronte ao dos residentes en Galicia que absorbe o 31,3%. Por Comunidades, os viaxeiros que máis viaxaron a Galicia foron os residentes en Madrid que supoñen o 12,9%, seguidos de Castela e León, que supoñen 5,7%, e Andalucía cun peso do 5,1%.
No que atinxe ao mercado internacional, en novembro incrementouse o 22% e logrou consolidar catro anos consecutivos de crecemento da demanda nese mes. Acadou ademais un máximo da serie histórica con 120.000 noites e sobrepasando o umbral das 100.000 noites neste mes do ano. Os países de procedencia nos que máis medrou a demanda foron Portugal, cun incremento do 45,6% e Estados Unidos cun incremento do 23%.