A dez días de que peche a inscrición, máis de 600 persoas están xa anotadas na III San Silvestre Solidaria Tudense. A carreira celebrarase o martes, 31 de decembro, dende ás 10.30 horas. Por iso, dende a organización agardan que se rexistre un novo récord, superando as 1.200 persoas participantes de 2023. A inscrición gratuíta está aberta ata ás 22.00 horas do domingo 29 deste mes en atletismotui.wordpress.com. O evento está organizado polo Concello de Tui e o Club Atletismo Tui. Así mesmo, conta coa colaboración da Policía Local, Protección Civil de Tui e a Radio Municipal de Tui.
A III San Silvestre Solidaria Tudense celebrarase dende o Paseo da Corredoira cun percorrido de catro quilómetros. Correndo, andando ou practicando marcha nórdica, os participantes recorrerán o centro urbano. Ao remate haberá rosca e chocolate e ás 12.00 horas tomaranse ás uvas na praza da Inmaculada coas badaladas. Ademais, contarase coa amenización musical de dj Dumper. Esta carreira é en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro. Polo tanto, poden facerse donativos no número de conta ES50 2100 2188 8302 0022 3608 ou en efectivo coa recollida do dorsal o día da carreira.
Presentación da III San Silvestre
A presentación desta proba deportiva, lúdica e solidaria tivo lugar onte ao mediodía na casa do concello de Tui coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. Tamén estiveron os concelleiros de Deportes, Rafael Estévez, e de Servizos Sociais, Ismael Diz. Así mesmo, participaron a vicepresidenta do Club Atletismo Tui, Laura Solla; e o coordinador de xuntas locais da AECC, Telmo Crespo, entre outros.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, sinalou na súa intervención que é esta é unha proba cunha connotación especial que xoga un papel moi importante polo seu carácter solidario. Fixo, Enrique Cabaleiro, un chamamento a participar nesta proba que conxuga o deporte cun carácter lúdico e festivo.
O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, destacou precisamente o bo ritmo da inscrición “nunha proba que se vai consolidando”. Sinalou que se trata dun evento non competitivo para disfrutar en familia. Remarcou tamén o carácter solidario da mesma coa Asociación Española Contra o Cancro, lembrando que o ano pasado se recadaran preto de 5.000 euros. Pola súa banda o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, desexou moito éxito a este evento que é bo para a saúde, no que se practica deporte, se coñece o noso patrimonio e se colabora cunha entidade coma AECC.
Laura Solla, do Club Atletismo Tui, cualificou esta San Silvestre Tudense coma unha “proba rápida e bonita, que da para correr ou para facela de forma máis lúdica”. Indicou que dende o Club Atletismo están orgullosos deste actividade tanto por estar dirixida á familia coma pola seu carácter solidario coa AECC. Telmo Crespo, coordinador das xuntas locais da AECC, indicou que esta San Silvestre “une deporte e solidariedade”, e agradeceu que sexa en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro, unha entidade que o ano pasado en Tui realizou 308 intervencións.