A organización do Gozo Festival, que conta co apoio de Turismo de Galicia, vén de facer pública a incorporación do DJ internacional David Guetta ao elenco de artistas que participarán en 2025 nesta cita musical, que cada ano adquire maior protagonismo na axenda turística da Comunidade.
David Guetta actuará o 6 de xullo en Monte do Gozo, en Santiago de Compostela. A Xunta incrementa así, con esta e outras propostas, a oferta de artistas na «súa intención de consolidar este ciclo de actuacións como unha das citas musicais de referencia con concertos deslocalizados nas cidades galegas, nas que busca promocionar, ao mesmo tempo, o turismo urbano«.
O Gozo Festival, que naceu en 2023, no que vai de ano máis de 75.000 persoas asistiron aos concertos de Ed Sheeran, Maná, Bomba Estéreo, Queens Of The Stone Age, Armin van Buuren, The Warning, Marshmello ou Loreena McKennitt, entre outros, con público proveniente de máis de 20 países. Este festival tamén foi o marco elixido para o único concerto en España de Rod Stewart, que actuou o pasado sábado na Coruña.
Para este 2025, están confirmadas xa as actuacións de Franz Ferdinand o 15 febreiro na Coruña, a americana Anastacia o 16 marzo en Vigo, Lenny Kravitz o 10 abril no Coliseum da Coruña, Alanis Morissette o 9 xullo na Coruña, Lionel Richie o 31 de xullo na Coruña e agora David Guetta o 6 de xullo en Santiago de Compostela.