O Concello de Porriño celebrou a clausura do seu Plan Integrado de Emprego (PIE). A colaboración entre a administración local, a Xunta de Galicia e os actores empresariais e comerciais do municipio, conseguiu un alto grao de inserción laboral para os seus participantes. No acto, que tivo lugar nas instalacións de Porremprego, recibiron o seu diploma os 100 beneficiarios do programa. Estiveron presentes representantes dos polígonos industriais e comercios locais e as técnicas do PIE, Patricia Gallego e Rosa María Molinos, responsables do desenvolvemento do programa.
O acto contou tamén coa intervención de autoridades como a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas; o alcalde, Alejandro Lorenzo; o director territorial de Emprego, José Antonio Rodríguez Fachado; e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz. Resaltaron a relevancia deste tipo de iniciativas para mellorar as oportunidades laborais e sociais no municipio.
Acto de clausura do Plan Integrado de Emprego do Porriño
Durante a súa intervención, Patricia Gallego, técnica do PIE, fixo un balance exhaustivo dos resultados do programa, facendo especial fincapé na súa transcendencia para as persoas que participaron. No mesmo sentido se expresou a concelleira, Rosario Costas, sinalando que «o noso obxectivo sempre foi proporcionar formación, orientación e oportunidades reais de emprego. O éxito de hoxe, con 79 persoas que traballaron grazas a este programa, reflicte a eficacia das políticas activas de emprego implementadas».
O programa contou con máis de 600 orientacións individuais, 705 horas de formación especializada e 112 contratos de traballo. Ademais, 35 persoas realizaron prácticas en empresas, que subliña a relevancia do contacto directo co mundo empresarial.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, incidiu no impacto positivo deste programa para a sociedade porriñesa. Resaltou que «un traballo digno non só mellora a vida das persoas, senón que tamén é a chave para garantir a liberdade e o benestar social». Asegurou que o Concello continuará apostando por iniciativas que fomenten a formación e a inserción laboral. Isto porque «o futuro do Porriño constrúese con esforzo, colaboración e ganas de mellorar. As administracións estamos para construir ese futuro de oportunidades con vós».
Unha das claves do programa foi, sen dúbida, a colaboración do sector empresarial e comercial local. No acto estiveron presentes representantes dos polígonos industriais da Granxa e As Gándaras, David Sobral e Santiago Gomara, Indalecio e da asociación de comerciantes ACIPOR, Noelia Conde, cuxo apoio e participación é clave. O alcalde destacou a súa implicación: «O papel do sector empresarial é esencial na xeración de emprego. O apoio e compromiso dos empresarios do Porriño contribúe sempre directamente ao éxito destas iniciativas».