O Bloque Nacionalista Galego propón a posta en marcha dun Plan municipal de Emerxencia Habitacional que permita «despregar medidas no inmediato ante o grave problema da vivenda en Vigo«. Neste contexto, a fronte nacionalista acusa ao Gobernos local e galego de “política de brazos caídos” diante da situación «límite» que se vive na cidade pola suba disparada dos alugueiros.
“Ante a falla de resposta da Xunta do PP e do Goberno de Abel Caballero, dende o BNG cremos que esta situación require de medidas concretas aquí e agora”, afirmou o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, rexeitando que «este problema se vaia resolver cun novo PXOM que desiste de mobilizar as miles de vivendas baleiras na cidade e que non conta con planificación en detalle da maioría dos ámbitos a urbanizar», tal e como explica o voceiro nacionalista da cidade olívica Xabier Igrexas.
Igrexas demandou como primeiro paso deste Plan de Emerxencia Habitacional a execución das 11 medidas recollidas na moción do Bloque, aprobada polo Pleno municipal en marzo deste ano. Trátanse de «medidas que permitan que Vigo dispoña dun parque público de vivenda para alugueiro social e accesíbel antes do remate do ano 2025, dotado con como mínimo 250 vivendas”.
O portavoz municipal nacionalista defendeu que esta meta é “perfectamente factible” á vista de que na cidade hai máis de 22 mil vivendas desocupadas, das cales 318 están en mans da banca privada rescatada con diñeiro público e da propia Sareb. “O Concello pode e debe facer moito máis, pois cómpre lembrar que ten preto de 200 millóns de euros de remanentes”, engadiu.
Dende a fronte nacionalista consideraron ademais que estas actuacións «permitirían frear a continuada perda de poboación en Vigo, como reflicten os últimos datos oficiais do INE, e sobre todo garantir o primeiro dereito da cidadanía como é habitar a súa propia cidade».