miércoles, diciembre 18, 2024
InicioNewsLuz verde ao Plan especial de protección civil ante o risco de...

Luz verde ao Plan especial de protección civil ante o risco de terremotos en Galicia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu esta mañá a reunión do pleno da Comisión Galega de Protección Civil, na que se informou de xeito favorable da revisión do Plan especial de protección civil ante o risco de terremotos en Galicia (Sismigal). Actualízase así o plan que fora aprobado en 2009 para adaptalo á nova normativa e á estrutura dos plans especiais autonómicos. Para a súa entrada en vigor, o plan ten que enviarse ao Consello Nacional de Protección Civil e logo aprobarse por parte do Consello da Xunta. 

O Sismigal comprende un conxunto de normas que constitúen o sistema e dispositivo de resposta e actuación fronte a calquera situación de emerxencia provocada por terremotos. Deste xeito, establece a organización e procedementos de actuación dos recursos e servizos cuxa titularidade lle corresponda á comunidade, e os que poden ser asignados por outras administracións ou pertencentes a actividades públicas ou privadas. 

O obxectivo é coñecer o risco sísmico no ámbito territorial de Galicia e aumentar a resiliencia da poboación afectada. Nesta liña, establécense as actuacións que permitan dispoñer de medios de evacuación, de lugares de aloxamento para persoas evacuadas, de medios de asistencia sanitaria e de mecanismos de restauración das vías de comunicación afectadas. Engádese ademais a definición de vías alternativas de comunicación, o mantemento e restablecemento dos servizos básicos, como auga, luz, teléfono ou alimentación,  a redución das perturbacións da vida cotiá e a información á poboación.

O documento inclúe a análise do risco con información territorial, caracterización da perigosidade e da vulnerabilidade sísmica por zonas, a estrutura e organización dos órganos de dirección e coordinación de emerxencias, e a operatividade, cos procedementos que deben desenvolver os diferentes servizos, centros e organismos involucrados. Unha vez entre en vigor, iniciarase o proceso de implantación coa distribución do documento a organismos implicados e concellos con risco de terremoto, así como co desenvolvemento de campañas informativas sobre medidas de protección entre a poboación.

Inundacións

Por outra banda, na xuntanza de hoxe abordouse a actualización da avaliación preliminar do risco de inundación da demarcación hidrográfica Galicia-Costa para o ciclo 2028-2033. Respecto ao anterior estudo, só se propón incluír dous novos tramos fluviais, un de 1,1 quilómetros no río Serantes na desembocadura en Oleiros e outro de 0,6 quilómetros no Rego dos Corrais, en Ferrol. Ademais, na área do río Anllóns, en Ponteceso, amplíase a zona inundable incluíndo 3,8 km de río adicionais.

A maiores, deuse conta da planificación municipal homologada. Así, informouse da homologación do plan de actuación municipal para risco de inundacións do concello de Gondomar, que establece a organización e procedementos de actuación dos recursos e servizos municipais, así como a súa integración no plan Inungal para minimizar os riscos nas zonas inundadas.

Deuse conta tamén da homologación dos plans de actuación municipal do concello de Dumbría para risco de rotura das presas de Fervenza e Santa Uxía en Dumbría. Os documentos identifican as poboacións vulnerables augas abaixo das presas, sinalan os puntos de encontro no caso de activación do plan e as zonas de albergue e atención. O obxectivo é conseguir a máxima protección para a poboación e reducir os danos que poidan producirse en bens e servizos esenciais, de acordo cos medios e recursos locais dispoñibles, plenamente integrados no Inungal.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS