O Consello da Xunta deu luz verde esta mañá á sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Saúde Mental Feafes) para dar continuidade ao programa Tecendo Saúde Mental. O importe deste acordo é de preto de 240.000 euros, un 60% máis que o anterior.
O obxectivo deste programa é mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por un problema de saúde mental que viven no rural, e pon especialmente o foco na atención nas mulleres que son nais ou están embarazadas, así como nos seus fillos. En concreto, esta iniciativa desenvólvese nas comarcas de Ordes, Sar, Santiago e A Barbanza (na provincia da Coruña); no Condado e A Paradanta (en Pontevedra); e en diferentes concellos rurais das provincias de Ourense e Lugo.
A través de Tecendo Saúde Mental, as persoas que teñen algunha doenza psiquiátrica
reciben apoio social e educativo para facilitar a súa inclusión, e tamén contan con axuda emocional e psicolóxica. Outro dos obxectivos é previr situacións de dependencia
derivadas de problemas de saúde mental. A previsión é atender ao longo do ano con
este programa arredor de 700 persoas.