Os xulgados galegos recibiron entre xullo e setembro 22 denuncias ao día por violencia de xénero. En concreto, presentáronse 2.043, fronte ás 1.856 do mesmo período de 2023, o que supón un aumento do 10,1 %. A gran maioría (1.514) foron presentadas pola vítima, unha cifra que segue sendo moi superior á das denuncias interpostas por terceiras persoas: os familiares formalizaron 41; mentres que 115 chegaron por partes de lesións recibidos directamente; 28, por servizos de asistencia e terceiros; e 345, por intervención directa da policía, segundo apunta nun comunicado o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
No período estudado, aumentou un 5,5 % o número de mulleres vítimas, pois se rexistraron 1.958, fronte ás 1.856 do terceiro trimestre de 2023. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia situouse en 13,9, a terceira máis baixa do Estado -cuxa media foi de 19,6-, por detrás da Rioxa -13,8- e Castela e León -11,3-. En total, no terceiro trimestre do ano rexistráronse 12 menores tutelados vítimas de violencia de xénero, fronte aos 17 do mesmo período de 2023.
Os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron no terceiro trimestre do ano en procesos de violencia de xénero 498 sentenzas, das cales 443, é dicir, o 89 %, foron condenatorias. Nos meses estudados os xulgados de menores axuizaron a catro persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller.
Segundo os datos estatísticos feitos públicos polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia descenderon un 19,7 % os casos de vítimas que se acolleron a dispensa á obriga de declarar como testemuña. No terceiro trimestre optaron por esta opción 110 mulleres, fronte ás 137 que o fixeron o ano anterior.
Ademais, no período analizado solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 474 ordes e medidas de protección da vítima, un 9 % menos que no mesmo período de 2023, cando se demandaron 521. Delas foron adoptadas 320, o 67,5 %. Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller pedíronse 130 ordes de protección, das que se acordaron 64. En 142 dos 474 casos a relación de parella (cónxuxe ou relación afectiva) mantíñase no momento da demanda da orde de protección ao xulgado de violencia sobre a muller.
Medidas xudiciais
Os órganos xudiciais acordaron tamén, derivadas das ordes de protección e doutras medidas cautelares, un total de 673 medidas xudiciais penais de protección das vítimas (mulleres e menores). As máis frecuentes foron as ordes de afastamento (307) e a prohibición de comunicación (302).
Ademais, ditaron 145 medidas cautelares civís, cuxa finalidade é a protección da muller e dos menores en tanto se resolve o proceso penal. As máis frecuentes foron as relacionadas coa atribución da vivenda (36), a prestación de alimentos (43) e a suspensión do réxime de visitas (39).