domingo, enero 12, 2025
InicioNewsComarcasAEMOS impulsa Xuventude Mentoring na Empresa para fomentar o talento local

AEMOS impulsa Xuventude Mentoring na Empresa para fomentar o talento local

Esta mañá, o proxecto Xuventude Mentoring na Empresa desenvolvido desde AEMOS contou cun apoio institucional. Este trasladouse a través da visita da directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses. A directora estaba interesada en coñecer de primeira man os avances e o impacto desta iniciativa. Durante a súa estancia, estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e pola concelleira mosense de Emprego e Formación, Julia Loureiro. Desta forma reforzouse o compromiso do ámbito local co fomento do talento xuvenil. Nesta visita, os 17 participantes do programa Xuventude Mentoring na Empresa atopábanse recibindo formación xenérica. Esta é unha das fases clave do programa que completa a súa preparación para as prácticas en empresas.

Xuventude Mentoring na Empresa é un programa dirixido á mocidade de 18 a 30 anos inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX). Así mesmo, ofrece estadías formativas en empresas de sectores estratéxicos de Galicia. O seu obxectivo principal é mellorar a empregabilidade e as competencias profesionais dos participantes mediante prácticas non laborais de tres a catro meses, favorecendo a súa incorporación ao mercado laboral.

A implicación de AEMOS neste programa subliña o seu compromiso co desenvolvemento económico e social da comarca. A Asociación de Empresarios de Mos busca, a través desta iniciativa, fomentar o talento xuvenil, reducir o desemprego, apoiar o relevo xeracional e fortalecer a competitividade empresarial local.

Programa AEMOS

Para a execución do programa, AEMOS logrou contactar con preto de 100 empresas da zona, das cales 12 seleccionaron perfís axeitados ás súas necesidades. Ademais, tras entrevistar a máis de 50 candidatos, 17 mozos foron incorporados ao programa. Isto evidencia un meticuloso proceso de selección e aliñación coas demandas do mercado laboral. Os perfís demandados polas empresas colaboradoras abarcan diversos ámbitos. Así mesmo, destacan operarios de mecanizado e carretilleiro, peón soldador, aprendiz fresador, axudante mecánico e de reprografía. Tamén no ámbito administrativo, contable, recursos humanos e loxística cun mozo de almacén ou repartidor.

AEMOS continúa traballando para fortalecer a conexión entre o talento local e o tecido empresarial, impulsando desde as empresas unha formación específica adaptada aos postos de traballo que desempeñan os participantes. Deste xeito, fomentase a adquisición de destrezas e competencias aliñadas coa súa formación académica e profesional.

A visita da Directora Xeral e da rexedora municipal refrenda o respaldo ás iniciativas sociais da Asociación de Empresarios de Mos e do seu tecido produtivo asociado, implementadas na comarca de Mos. Lara Meneses e Nidia Arévalo puxeron en valor a implicación do empresariado mosense neste tipo de iniciativas como é o Programa Xuventude Mentoring na Empresa, que contribúen ao dinamización do emprego xuvenil, ao crecemento sostible da comarca e ao impulso das novas xeracións de profesionais.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS