O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, considera que «o Goberno central nin fixo o seu traballo, nin negociou correctamente o reparto de cotas do Gran Sol», tal e como se fixo público no día de hoxe. Tal é así que Villares tacha de “envelenada” a proposta defendida pola Comisión Europea ao ser a herdada do anterior equipo do Comisario Sinkevicius. Por este motivo, o conselleiro remarca que o Executivo «non logrou cambios significativos coa negociación e que non achegou argumentos para corrixir a distribución dos límites de capturas deste caladoiro».
Deste xeito, o responsable autonómico lamenta que o único que se plasmase fose a proposta inicial e que non se tivesen en conta as cuestións que indica a sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo (TXEU) relativas a que no reparto hai que ter en conta os aspectos socioeconómicos de cada zona. E é que o acordo acadado co Reino Unido «supón grandes baixadas na pescada que faena nas augas do Atlántico Norte, o que repercutirá nunha perda de ingresos moi importante para a economía galega, cifrada en preto de 54 millóns de euros».
Asemade, especies como o xurelo da zona 9A (augas portuguesas-este), o ollomol ou a cigala tampouco son alleas a estas restricións que incrementarán a perda de competitividade e da economía dos barcos que se dedican á súa captura. Para o máximo mandatario de Mar da Xunta é positivo que se corrixisen incoherencias relativas ao abadexo, ao xurelo do Cantábrico e á anchoa, que viñan sendo demandadas nos últimos tempos por Galicia, coma a separación dos stocks da anchoa da zona 9A e a posibilidade de pesca dirixida no xurelo do Cantábrico. Asemade, Villares considera que existen casos de posible incidencia negativa, coma o ollomol, e que estes efectos se irán vendo a medida que a aplicación dos recortes se faga efectiva.
Por todo elo, dende Galicia, o responsable de Mar adianta que se seguirá «traballando e en permanente diálogo co sector para defender os seus intereses».