O Concello de Mos vén de desvelar o seu plan para celebrar a súa festa de Pre Fin de Ano. Será o próximo 28 de decemebro cando este municipio da Louriña tome antes de tempo as doce uvas que dan inicio ao próximo 2025. Para iso, a administración local reunirán «aos mellores DJ do país así como a unha das mellores orquestra de Galicia en dous escenarios e carpa climatizada». O evento comezará a partir das 23:00 horas.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, informaron que a Festa de Pre Fin de Ano no Pazo de Mos será presentada polo Grupo de Teatro A Cividade de Louredo e contará coa actuación da orquestra París de Noia. Actuarán, tamén, os DJ Álex Martini, Ballesteros, Álex G e o artista local Samu Pexe, «referentes dos panoramas musicais autonómico e tamén nacional».
Pola súa banda, o Grupo de Teatro A Cividade «está formado por 10 compoñentes que levan subíndose aos escenarios desde hai máis de 20 anos», segundo apuntan desde o Concello de Mos. Son «especialistas en humor e recorren a comunidades cos seus espectáculos».
Miles de uvas
Ademais, o Concello de Mos repartirá miles de uvas na Festa Pre Fin de Ano de xeito gratuito para o público asistente co obxectivo de que todos e todas conten con este froito para acompañar as badaladas da medianoite.