O Festival Son Rías Baixas vén de desvelar o cabeza de cartel da súa edición do 2025. Trátase da banda La Raíz, que volveu aos escenarios este ano logo da súa xira de despedida no 2019. Deste xeito, os seguidores e as segudoras deste grupo de Gandía poderá desfrutar dos temas máis coñecidos como «Nos volveremos a ver» ou «A la sombra de la sierra» así como «Rueda la corona» durante a celebración deste evento que terá lugar desde o 31 de xullo ata o 3 de agosto.
Segundo a organización do festival, na pasada edición o evento reuniu a máis de 26.000 asistentes. A aposta pasa por «ofrecer un cartel que inclúa unha proposta musical fresca, sen cinguirse a un só estilo concreto e reunindo unha programación variada estilísticamente na que prima a calidade e que é reflexo da enorme heterexoneidade que prima na música hoxe en día».
Neste contexto, o evento contará con artistas como Dani Fernández, Sen Senra, Judeline ou Carolina Durante así como Nena Daconte, Delaporte ou Marlena, entre outros.
Os abonos xa están á venda desde o luns 9 de decembro a través da páxina web do festival, sonriasbaixas.info, e Enterticket, con posibilidade de adquirir a acampada para os tres días e precargar de maneira anticipada a pulseira.