O Club de Lectura de Mos, que se reúne na Biblioteca Municipal María Magdalena, naceu o pasado 23 de abril con motivo da celebración do Día Mundial do Libro. Ten en total 21 participantes, que se reúnen unha vez ao mes. Na última sesión, o libro que leron, “A noiva escura” de Laura Restrepo, vincúlase á celebración do 25N.
“A noiva escura” é unha novela escrita en 1999 pola escritora colombiana Laura Restrepo. Nunha poboación de Colombia chamada Tora, no barrio A Catunga, cóntase a historia de Sayonara. A protagonista é unha prostituta que serve nunha rexión sostida mediante a inxección económica da industria petroleira.
Con motivo da lectura deste libro e do pasado 25N, os participantes do Club contaron onte cunha visita especial para compartir unha charla sobre a prostitución. Trátase da veciña de Mos, Ana Isabel García, máis coñecida como Ani, responsable da Sede en Galicia da Asociación de Axuda á Prostitución Amar Dragoste.
A Asociación Amar Dragoste ten un total de 12 sedes por toda España. Dedícase á loita pola liberdade das mulleres vítimas de trata, explotación sexual e prostitución. Con máis de 15 anos de experiencia, desenvolve unha estratexia de intervención sostible e integral para a recuperación e inserción social das mulleres sobreviventes. Así mesmo, traballan para a prevención da explotación e da demanda de prostitución e pornografía.
Ademais de Ani achegáronse onte pola tarde tamén ata a Biblioteca Municipal, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a directora do CIM de Mos, Alba Mª Bugarín, a psicóloga de Servizos Sociais de Mos, Elena Expósito, e a concelleira de Cultura e Política Social, Sara Cebreiro. Xa que desde este último departamento municipal organizouse e promoveuse a iniciativa.