O grupo líder da oposición en Ponteareas, o Bloque Nacionalista Galego, califica as contas que presenta o goberno municipal para o exercicio do 2025 de «propagandísticas» e que «non teñen en conta as necesidades dos veciños e das veciñas«. O orzamento aprobarase, previsibilemente, cos votos a favor do tripartito de Ponteareas e o defenderá encargado da área económica, o popular Francisco Jesús Represas.
Neste contexto, os nacionalistas consideran o orzamento como «unha oportunidade perdida» posto que «dos máis de 20 millóns de euros, o goberno de Castro unicamente destina un 3% a investimentos deixando a un lado as necesidades da veciñanza». Critican que «non recollen nin un só euro para investir en necesidades tan básicas como o abastecemento de agua potable ou o saneamento no rural, que agora podería executarse grazas á ampliación da depuradora logada polo BNG».
Así mesmo, o Bloque alerta que «coa aprobación do Orzamento, a dereita pretende eliminar postos de traballo do cadro de persoal municipal para que presten servizos empresas privadas, tentando ocultar a través destas privatizacións a súa incapacidade para organizar os servizos municipais”. Por este motivo, sinalan que “o capítulo de persoal do orzamento, debatido na Mesa Xeral de Negociación co persoal ao servizo do Concello, non conta co apoio de ningún dos 18 membros representantes do persoal municipal.”
Pola vía da urxencia
O Bloque criticou a “actitude antidemocrática que volve demostrar o goberno de Castro e a dereita coa tramitación destes Orzamentos, que pretenden aprobar pola vía de urxencia a través dun novo pleno extraordinario para evitar o debate e as propostas dos grupos políticos. Queren aprobar o Orzamento como un simple trámite e utilizalo como instrumento de propaganda”, denuncia o BNG, exemplificando que o goberno facilitou antes o seu contido aos medios de comunicación que aos propios grupos políticos da corporación municipal.
“Este documento é unha nova proba da desastrosa xestión económica do Concello, a comezar polo incumprimento do establecido na Lei de Facendas Locais. Ademais, a propia Intervención Municipal advirte do incremento da regra de gasto en máis de 1,8 millóns, o que pode provocar que o Concello teña que elaborar un Plan Económico Financeiro para recuperar os obxectivos marcados na Lei de Estabilidade e Sostibilidade”, sinala o BNG.
Neste sentido, o BNG indica que presentarán para emendar os orzamentos para que o goberno municipal deixe a un lado «a propaganda e se centre nas necesidades reais dos veciños e das veciñas«.