A maxia do Nadal chega tamén á Biblioteca Pública Municipal de Tui cunha oferta de actividades dirixidas a todas as idades. Non obstante, con especial atención aos rapaces, que teñen nestas datas un especial protagonismo. Máis de 600 persoas teñen participado xa nas primeiras actividades desenvolvidas a pasada semana.
Entre os primeiros actos, está a presentación da serie documental “Rosendo Salvado aventura e misión dun galego en Australia”. A peza producida pola TVG e dirixida por Valentín Carrera congregou a máis de 200 persoas no Teatro Municipal. Mentres que máis de 300 persoas participaron o pasado xoves, na mesmo espazo, no espectáculo “Os Bolechas tocan nunha grande orquestra”. Ademais, o sábado máis de 100 persoas asistiron á presentación do novo libro do tudense Fernando J. Álvarez Pereira, “Astilla de la misma madera”, na Sala Félix Rodríguez González.
As citas deste programa de Nadal continuarán mañá mércores, 11 de decembro, coa apertura do Mercadiño Solidario de Libros da Biblioteca en colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello. Neste evento ofrecerase preto dun milleiro de libros, escollidos entre os destinados ao expurgo, os procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns de veciños, para que aquelas persoas lectoras interesadas poidan recoller as obras que resulten do seu interese.
A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais. Os libros ofertados son de temática moi ampla e variada. Ademais, diariamente iranse incorporando novos exemplares actualizando así de modo permanente este mercadiño.
A literatura volverá estar presente o mércores, 19 de decembro, coa presentación do libro de ensaio político “Los límites del crecimiento económico y la crisis de ideas de la izquierda” de Ricardo Canosa Bastos a partir das 19.30 horas no Edificio “Francisco Sánchez”.
Máis actividades da Biblioteca Municipal de Tui
A Biblioteca tudense volverá ofrecer un ano máis os Obradoiros de Nadal dirixidos a nenos entre os cinco e os doce anos de idade. Celebraranse os días 23, 26, e 27 de decembro e o 2 e 3 de xaneiro en horario de 11.30 a 13.30 horas. Para participar é preciso inscribirse en cada obradoiro dende este xoves a través do correo electrónico biblioteca@tui.gal. Tamén existe a opción presencial na propia Biblioteca Municipal.
A oferta destes obradoiros infantís ven denominada neste ano como “Un nadal diferente e de cor verde” e comprende diversas opcións. O luns 23 de decembro será o turno de «O Grinch e as súas travesuras», mentres que o xoves 26 se organiza o obradoiro de «Contos e lendas». O venres 27 de decembro e o xoves 2 de xaneiro o Grinch volve a ser protagonista. Será cos obradoiros «Scape room do Grinch» e «Xogando co Grinch», respectivamente. O último evento, que terá lugar o venres 3 de xaneiro, será «A maxia do Nadal».
Cómpre lembrar que nestas datas de Nadal son dúas as exposicións que se poden vistiar no edificio Francisco Sánchez. Por unha banda, ata o 11 de xaneiro pódese visitar a exposición de pintura “Después que nos hayamos ido” de Robín Trigás na Sala Municipal de Exposicións. Ademais, na zona Anexo desta Sala Municipal de Exposición pódense contemplar as obras premiadas no concurso de pintura rápida “Pinta Tui”.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, subliña como esta oferta de actividades pretende achegar a Biblioteca Municipal como un espazo aberto á sociedade. Ademais, destaca as propostas de extensión bibliotecaria para os diversos segmentos de idade tamén nestas datas de Nadal.