A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e a concelleira de Emprendemento, Silvia Fdez. Táboas, visitaron o Centro de Capacitación Dixital do Concello de Ponteareas. Este novo servizo facilitará a formación en competencias dixitais para toda a cidadania.
“É imprescindible seguir traballando na alfabetización dixital e facilitar o acceso en igualdade de condicións á formación. O obxectivo é que a cidadanía poida beneficiarse dos adiantos tecnolóxicos. Tamén que adquiran coñecementos actualizados do momento para non quedarse atrás”, explica a concelleira de Emprendemento. Ademais, engade que «non se trata só de saber manexar un aparello dixital. Tamén de desenvolver a capacidade de comprender e aplicar, como ese uso pode facer que a nosa vida mellore ou que sexamos máis produtivos e eficientes”.
Situado no andar baixo do Centro de Emprendemento, este novo espazo está equipado con catorce equipos informáticos portátiles de última xeración. Así mesmo, conta cunha pantalla dixital táctil interactiva con cámara de seguemento para videoconferencias e cableado con rede e fibra óptica. Ademais, está dotado con wifi e softwares actualizados para os cursos que se impartirán en horario de mañá e tarde ao longo de todo o ano.
Inauguración do Centro de Capacitación Dixital
O Centro de Capacitación Dixital inaugúrase co curso “Dixitalización aplicada” o día 9 de xaneiro. Desenvolverase en horario de 8:00 a 18:00 horas de luns a venres ao longo de seis módulos. Estes permitirán identificar, localizar, almacenar, organizar e analizar información dixital, datos e contidos avaliando a súa finalidade e relevancia para a distintas tarefas profesionais.
O alumnado adquirirá coñecementos sobre tecnoloxía habilitadora dixital para comunicar en contornas dixitais, compartir recursos, crear e editar contidos ou protexer a información e datos persoais. Este curso promoven, por un lado a capacidade para utilizar a tecnoloxía, é dicir, unha aprendizaxe de uso e por outro a habilidade para comprender como utilizala. As persoas que desexen inscribirse deberán facelo a través do número de teléfono 986640000 (ext.5009) ou no 610142936.