domingo, diciembre 22, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Rosal repensa o futuro das vilas co Foro Novo Teatro

O Rosal repensa o futuro das vilas co Foro Novo Teatro

O Rosal converterase en escenario de reflexión e acción para a mocidade da comarca. A Escola Simón do Mazo acolle o este venres, 13 de outubro, a representación de «Dálle unha volta», unha obra creada ao abeiro do proxecto Foro Novo do Baixo Miño. Esta peza pon sobre a mesa unha proposta innovadora que busca dar voz ás inquedanzas da xuventude e explorar as súas ideas nos escenarios menos convencionais.

Con entrada de balde, a obra representarase ás 19.30 horas xerando unha cita única na que o público será tan protagonista como o elenco. Durante 20 minutos, actrices e actores meteranse no papel para representar este espectáculo e dar paso despois á verdadeira maxia. Esta será que o público elixirá algunhas escenas da peza para improvisar sobre elas e xerar un debate posterior sobre os cambios que houbo en cada un dos pases. A actividade durará aproximadamente unha hora e está especialmente dirixida a público xuvenil, aínda que é apta para todos os públicos.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, convida á veciñanza a participar nesta proposta “que demostra que o teatro é moito máis que entretemento, é unha ferramenta para dar voz á mocidade, escoitar as súas inquedanzas e explorar solucións colectivas. Queremos un Rosal no que as novas xeracións teñan espazos para expresarse e participar e iniciativas como esta son un exemplo perfecto de como conseguilo”.

«Dálle unha volta» permite xerar un foro de reflexión con esta peza creada ao abeiro do proxecto Foro Novo Teatro durante un encontro para a mocidade celebrado este verán en Lugo xunto con outros rapaces e rapazas do Baixo Miño. A iniciativa está coordinada pola asociación FOCO e conta coa colaboración do Concello do Rosal, así como do resto dos municipios do Baixo Miño e co cofinanciamento da Unión Europea.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS