A Xunta de Galicia clausurou hoxe o obradoiro de emprego dual en Mos con orzamento superior aos 531.000 euros. A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, foi a representante autonómica encargada de pechar a acción. Neste acto, destacou o novo obradoiro de emprego previsto en Mos en virtude da última convocatoria aprobada para 2024-2025.
En relación aos obradoiros de Mos, hoxe clausurouse a iniciativa «Queda en Mos II». A formación e traballo remunerado foi arredor do marketing e a comunicación dixital e da carpintería 3D. Esta aproveitouse para eventos organizados no municipio e para a dotación con infraestruturas de instalacións como centros educativos ou parques e espazos verdes municipais.
Mentres, o «Queda en Mos III» abordará traballos de carpintaría e moble, a instalación de elementos de carpintaría e o deseño de produtos audiovisuais multimedia interactivos. Isto para avanzar no labor xa desenvolvido grazas a unha nova achega duns 442.000 euros.
Es-Factory
Pola súa banda, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, interveu hoxe no evento do proxecto de cooperación interrexional Es-Factory, que se celebrou en Mos. Alí puxo de relevo as oportunidades da cultura e os bens ou servizos asociados á creatividade, o que se denomina economía laranxa. Isto en relación coa creación de emprego sostible en Galicia e no norte de Portugal. De feito, este ámbito supón na Comunidade galega o 2,5% do PIB e conta con máis de 37.000 persoas traballadoras.
O proxecto Es-Factory foi aprobado no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. Este promove proxectos de cooperación transfronteiriza co apoio da Unión Europea. Está liderado pola Xunta de Galicia e composto por un consorcio de organizacións. Neste están integrados, ademais da Xunta, Agaca, EspazoCoop, Aesgal, USC, Utad, TecMinho e In Cubo e as súas actuacións desenvolveranse ata setembro de 2026. Esta iniciativa promove a cooperación transfronteiriza entre entidades de Galicia e o norte de Portugal facilitando o intercambio de experiencias no ámbito da economía social. Ademais, fomenta a igualdade de oportunidades e a inclusión de persoas para promover o emprendemento.