O Bloque Nacionalista Galego pide transparencia ao alcalde da cidade olívica, o socialista Abel Caballero, na tramitación do novo convenio co Real Club Celta de Vigo en relación ao uso do estadio municipal de Balaídos. Despois do anuncio realizado polo alcalde dun novo acordo, «que aínda non é público nin efectivo», segundo explica a fronte nacionalista, o BNG demanda ao Goberno local que «explique os motivos para renovar un convenio que está vixente até o ano 2034″.
Así o preguntou este luns o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen tamén pediu aclarar cal é o interese público que xustifica ir a un acordo de 50 anos, unha duración “sen precedentes” en convenios municipais. “Balaídos non pode ser só público a efectos de gasto”, defendeu, asegurando que o Celta «ten que seguir asumindo parte do sostemento económico dunha instalación da que é o seu principal e case único usuario».
Dende o Bloque, apelaron á «claridade a respecto do reparto de cargas e custos para evitar que este novo acordo supoña na práctica a privatización” do estadio municipal cuxa reforma vai supoñer como mínimo o investimento de 60 millóns de diñeiro público unha vez rematada a bancada de Gol». Deles, segundo explican desde o BNG, a maioría saen das arcas do Concello
“É necesario tamén aclarar se o Celta vai dispoñer de maneira exclusiva das instalacións do estadio para usos non deportivos, como a organización de eventos ou concertos, e a cambio de que lle cede a cidade esa explotación”, demandou Igrexas.