O Concello de Tui recepcionou esta mañá as obras de renovación da Travesía de San Domingos. Estas foron executadas ao logo dos últimos meses cun investimento que acadou case os 450.000 euros. O financiamento estivo a cargo do Plan Concellos 2022-23 da Deputación de Pontevedra.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto a técnicos municipais e representantes da empresa construtora estiveron esta mañá na rúa. Ademais, comprobaron os traballos executados nun tramo de algo máis de 200 metros dende a intersección desta travesía coa rúa Antero Rubín até a Travesía de San Francisco. Con esta actuación impúlsase a mobilidade e accesibilidade neste ámbito. Así mesmo, permitindo recuperar a esencia tradicional desta vía singular que conecta o centro de Tui coa Igrexa de San Domingos.
Os traballos comezaron coa renovación tanto da rede de abastecemento coma da de saneamento, procedendo a realizar a separación entre augas pluviais e fecais. Tamén foron soterrados os servizos de electricidade, telecomunicacións e procedeuse á instalación da canalización de gas. A rúa mellorou en accesibilidade e funcionalidade e as obras contemplaron tamén a instalación de novas luminarias e de mobiliario urbano, así coma dun panel informativo.