O Porriño prepárase para vivir un Nadal cheo de actividades e eventos ofrecendo a veciños e visitantes un mes de propostas para gozar destas datas tan especiais. Desde esta semana ata mediados de xaneiro, a localidade converterase nun vibrante centro de tradición, cultura, solidariedade e entretemento para todos os públicos. Dentro desta axenda de festividade destaca a Festa Pre-Fin de Ano con actividades para toda a familia durante o día e unha intensa noite. O 30 de decembro haberá en horario nocturno actuacións de rondallas, pasacalles, música en vivo co Combo Dominicano e un dj set.
A programación comezará mañá co inicio da inscrición para o Concurso de Postais de Nadal, que alcanza xa a súa cuarta edición. Este evento convida aos máis pequenos a plasmar os seus mellores desexos do Nadal. A creatividade tamén se verá reflectida na Exposición Origen Es: Familia e Fogar, organizada pola Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. A mostra poderá visitarse no Centro Cultural Municipal do 23 de decembro ao 2 de xaneiro.
Ademais, celebraranse varios espectáculos infantís que non deixarán indiferentes aos máis novos, como o Titiricircus de Tanxarina Monicreques ou o espectáculo María Faltri Picadiscos. A programación inclúe tamén contacontos, como o de Antón e o Apalpador, ou o popular O gato zapato de Barafunda Teatro, que farán as delicias dos nenos.
Protagonistas do Nadal no Porriño
A música será outro dos grandes protagonistas en Porriño estas festas. Desde o Festival de Nadal da Escola de Música Municipal ata o Encontro de Corais. Neste acto participarán diferentes corais locais, incluíndo a Coral Polifónica da Escola Municipal de Música do Porriño e a Coral Polifónica Os Penediños de Atios. Os sons do Nadal encherán a cidade en concertos de todos os estilos. Destacan, entre outros, os concertos de Cherry Sweet, Xingro´s Band, Iker Faure´s Band, Somoza Trío, e Noemí & Band. Estes ofrecerán diversas propostas musicais para todos os gustos.
Os máis pequenos poderán gozar tamén de diversas actividades e espectáculos na rúa, como a animación e os tradicionais obradoiros de Nadal. O Tren Turístico de Nadal percorrerá as principais rúas de Porriño, levando a maxia do Nadal a cada recuncho da localidade. Tamén haberá unha gran pista de patinaxe sobre xeo fará as delicias dos máis pequenos na contorna do pavillón municipal.
Ademais, os Elfos de SSMM, Os Reis Magos e a Visita do Carteiro Real aos centros educativos de Porriño, facilitarán que os máis pequenos entreguen as súas cartas aos Reis Magos e a Papá Noel. Pola súa banda, Papá Noel visitará o Porriño na tarde de Noiteboa, xusto antes de repartir os agasallos.
Eventos máis esperados da programación
Un dos eventos máis esperados cada ano é a Carreira de Nadal, que convoca por centos de corredores nunha xornada deportiva que combina a solidariedade coa diversión. Tamén será un éxito seguro o Mercado Solidario de Nadal, organizado pola Asociación Española Contra o Cancro, onde o espírito solidario fusiónase coa tradición do Nadal.
O Porriño non se esquece da diversión nocturna, e por iso tamén haberá espazo para a festa. Non podía faltar a xa mencionada Festa Pre-Fin de Ano, que promete ser un gran evento para despedir o 2024. Ademais, o XV Maratón de Panxoliñas do grupo de catequistas da Parroquia Santa María de Porriño na praza será outro dos momentos de encontro e alegría do Nadal.
A véspera de Reis culminará coa tradicional Cabalgata Real, que percorrerá as rúas de Porriño, dando a benvida á visita máis esperada do ano. E como peche da programación, o Certame de Rondallas de Porriño poñerá o broche de ouro a unhas festas cargadas de emoción, cultura e tradición.
“Propoñemos encher as rúas de maxia, solidariedade e cultura durante un mes enteiro. O Nadal en Porriño será, como sempre, un momento para lembrar!”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, convidando a toda a veciñanza do Porriño e da contorna a visitar a vila.