A nave de Aceros del Tea acollerá o mercado de Nadal de Ponteareas desde o vindeiro venres, día 13 de decembro. Este espazo dinamizará a oferta comercial da vila con postos de artesanía, comida, bebidas, bisutería, complementos e xoiaría, entre outras moitas propostas entre as que atopar o agasallo ideal.
Ademais, a concellería de Comercio do Concello de Ponteareas informa que este mercadiño de Nadal estará aberto en horario de mañá e tarde. Será de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas os sete días da semana. Así mesmo, o mercado estará dispoñible ata o vindeiro día 5 de xaneiro, agás o 25 de decembro e o día 1 de xaneiro.
Ricardo González, concelleiro de Comercio, explica que para facilitar a visita e as compras o mercadiño contará cun espazo para actividades infantís. Nesta zona os máis cativos poderán estar aprendendo e xogando ao coidado dun monitor de tempo libre. Deste xeito, ao longo de tres horas, os nenos poderán facer uso deste espazo de lecer mentres os adultos fan as súas compras.
Actividades do Mercatea
Para encher de vida o espazo Mercatea, a concellería de Comercio organiza tres catas de viño gratuítas que terán lugar os días 13, 21 e 28 de decembro. Ademais, antes da primeira cata de viño, o público poderá desfrutar do concerto de violín e piano con Icíar e Sherguei Maximov. Emilio Rúa e X. C. Caneiro tamén ofrecerán o recital poético e musical “A lingua somos todos” o domingo 15 deste mes.
Así mesmo, o luns 16 ás 19.30 horas actuará un conxunto de guitarras e o martes 17 ás 20.30 horas o coro de grado profesional interpretará a obra “Para quererte tanto”. Cloe Seoane e Ruth Moo ofrecerán un dúo de piano a catro mans o día 19 ás 17.30 horas e o venres 20 ás 19.30 horas será o turno do concerto do coro Gli Appassionati. Este último será da man da Deputación de Pontevedra.
Ademais dos concertos, Mercatea acollerá varios obradoiros como o de adornos creativos o mércores 18 ás 18:00 horas. Tamén haberá un de mel o xoves 19 ás 17.00 horas e de maquillaxe o venres 27 ás 17.00 horas tamén.