A Xunta urxe ao Goberno central a aclarar cal é o estado das reclamacións polo dano ambiental e os custos derivados da limpeza e vixilancia das praias como consecuencia da perda dun contedor de pellets por parte do buque mercante Toconao fronte ás costas portuguesas en decembro de 2023. Así o vén de confirmar a administración autonómica nun comunicado despois de que a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitara a praia de Queiruga, en Porto do Son. Alí, lembrou que «o executivo central non actuou axeitadamente para reclamar os prexuízos causados tanto á armadora como á aseguradora do cargueiro responsable da chegada de pequenos residuos plásticos aos areais da comunidade».
Neste contexto, a Xunta de Galicia presentará un recurso de alzada «co que poñer fin ao silencio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e lograr avances neste eido ao tempo que negocia extraxudicialmente cos representantes da navieira coa finalidade de que afronte os custos derivados do suceso».
A responsable autonómica rememorou o episodio e lamentou o «escurantismo e o inmobilismo que caracterizaron a xestión do incidente por parte do Goberno central». De feito, segundo indican desde a Xunta de Galicia, «o Goberno portugués comunicou ao español o 8 de decembro a perda dos contedores por parte do Toconao, pero este non llo trasladou a Galicia ata 25 días despois. Ademais, apenas mobilizou medios para mitigar a chegada dos pellets á costa galega malia as peticións do Executivo galego«.
Vázquez lembrou que «a Xunta actuou coa máxima celeridade e responsabilidade en canto tivo coñecemento do suceso e puxo en marcha un dispositivo por terra, mar e aire no que, nalgúns momentos, chegaron a estar traballando a pé de praia máis de 400 persoas«. Este operativo actuou en máis de 630 praias de 66 concellos costeiros e tivo un custo estimado para o Executivo autonómico de máis de 2,3 millóns de euros. «Un desembolso económico que non teñen que pagar as galegas e os galegos pois non teñen ningunha responsabilidade nos feitos», aseverou Ángeles Vázquez.
As tarefas desenvolvidas nos areais e no mar polo persoal mobilizado pola Xunta permitiu retirar da costa arredor de 3.650 quilos de pellets -o equivalente a preto de 150 sacos de 25 quilos dos máis de 1.000 que transportaba o Toconao- e máis de 20.200 quilos de lixo asimilable a residuos urbanos que se retiraron no marco deste dispositivo. A eles engadíronse preto de 1.400 quilos de pellets recollidos a pé de praia por voluntarios ou polos concellos, co que foron retirados das costas galegas algo máis de 5.000 quilos de granulados plásticos, o equivalente a máis de 200 sacos.
Estes residuos -que estiveron gardados en puntos de almacenamento intermedio á espera da súa posible reclamación por parte da navieira, que finalmente non se pronunciou neste sentido- foron valorizados nas instalacións que Sogama ten en Cerceda pois estaban mesturados con outros residuos e materiais presentes nas praias.
A conselleira destacou que este tipo de episodios «deben servir para aprender e avanzar a nivel europeo no deseño de normativas que garantan a seguridade marítima e a protección do medio ambiente». De feito, a, onde defenderá a necesidade de endurecer as normas neste ámbito para garantir un transporte marítimo seguro e o coidado do medio mariño e das zonas costeiras.