O mes de decembro é un mes especial para as familias. Por iso, o Concello de Salvaterra de Miño elaborou un ano máis un programa con actividades e iniciativas culturais que terá lugar durante as vindeiras semanas. Unha das novidades principais é a saída desde Monçao na San Silvestre deste ano, que terá lugar o sábado 28 de decembro. Haberá dúas opcións, unha variante máis pequena ás 20.00 e outra ás 20.30 horas cun maior percorrido. Ambas carreiras teñen o punto de saída na Praça Deu-La-Deu.
Esta programación de Nadal inclúe datas importantes como a visita de Papá Noel, o Apalpador ou os Reis Magos. Ademais, conta actividades moi aclamadas como esta tradicional San Silvestre ou o Mercado de Nadal que repite despois de celebrarse o pasado ano a primeira edición. Precisamente o mercado, que terá lugar os días 20, 21 e 22 decembro, coincide coa inauguración da decoración da Praza do Concello. Nesta participan os centros educativos e o módulo de Carpintaría do IES Salvaterra de Miño e que é un dos puntos diferenciadores e únicos da decoración de Nadal.
As figuras e creacións en madeira que fan os alumnos tamén se poderán ver noutros puntos do casco urbano. Co fin de servir de guía para veciños, veciñas e visitantes elaborouse esta programación onde non faltan as actuacións de Nadal das asociacións culturais e deportivas do municipio. Así mesmo, as actividades infantís como o obradoiro de adornos da Biblioteca, o contacontos “O Censor de Monstros” ou as obras “Ollo Piollo” e “Running”; ademais de cine, concertos, festivais, teatro e outras actividades.