Impulsar as infraestruturas de comunicación de Ponteareas foi o obxecto dunha xuntanza celebrada esta mañá na Subdelegación do Goberno entre o subdelegado, Abel Losada, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro. A xuntanza, que se celebrou «nun clima de total cordialidade e colaboración»,segundo explican, serviu para repasar a axenda de obras e actuacións pendentes por parte do Ministerio de Transportes. Por este motivo, estiveron presentes técnicos da Demarcación de Estradas, encabezados por Ángel del Río e tamén a concelleira de Urbanismo ponteareán, Silvia Fernández.
A alcaldesa de Ponteareas comprometeuse a convocar un Pleno no que proporá un acordo municipal para solicitarlle ao Ministerio a cesión do tramo urbano da N-120, tal e como explica a Subdelegación nun comunicado. A postura do Ministerio é «favorable sempre que se respecte a continuidade do itinerario, para o que se demandou que o tramo a ceder coincida con enlaces coa A-52». Deste xeito, serán, finalmente, 3,9 Km o tramo que o Concello de Ponteareas demandará e que, para axilizar ao máximo o expediente, o Concello solicitará sen compensacións.
Por outra banda, Abel Losada deu conta novamente do avanzado dos traballos previos para a execución da obra da N-120 ata O Confurco. O proxecto, unha vez concluída a segunda exposición pública, está rematado e pendente de aprobación definitiva na Dirección Xeral de Estradas. “Todo o traballo administrativo previo para a definición do trazado está feito con este proxecto e agora falta a licitación”, subliñou Losada, quen engadiu que, a expensas do impacto que pode causar o gasto que está a xerar a atención á DANA de Valencia, “agora, despois de tódalas vicisitudes, incluíndo unha segunda exposición pública, xa podemos dicir que hai un proxecto maduro en Madrid”.
Finalmente, o subdelegado e os técnicos de Estradas do Estado amosaron o anteproxecto que define tres alternativas para a execución da Variante de Ponteareas, é dicir, o viario que conectará a A-52 e a N-120. O expediente continúa avanzando e someterase a información pública para a consecución da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) antes de continuar coa redacción do proxecto construtivo.
Losada destacou o clima de acordos e a vontade de cooperación do Concello de Ponteareas e subliñou que “hai consenso tanto co Concello como coa Plataforma da N-120”, polo que, engadiu, a Subdelegación do Goberno continuará traballando para conseguir a execución destes proxectos “todos eles de gran importancia para o futuro da capital do Condado”.