jueves, diciembre 5, 2024
InicioNewsA Xunta reclama "canto antes" a conexión por alta velocidade entre Vigo...

A Xunta reclama «canto antes» a conexión por alta velocidade entre Vigo e Porto «cun calendario de investimentos e obras»

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu reclamar a importancia de impulsar «canto antes» a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto, no marco dun gran acto cívico organizado polo Goberno galego para demandar esta infraestrutura. Así, pediu un «compromiso firme ao Executivo central que inclúa un calendario claro de investimentos e obras». “Hoxe únense unha vez máis a voz de Galicia e a do norte de Portugal reclamando, nin máis nin menos, o que esta terra merece: unha conexión á altura de todo o potencial e todo o dinamismo que temos para seguir crecendo”, afirmou, ao mesmo tempo que sinalou que “non hai máis tempo que perder”.

Rueda destacou que esta conexión é «vital para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que conta con case 6,5 millóns de habitantes” e uns vínculos sociais, económicos e culturais moi intensos». Tamén asegurou que esta reivindicación que permitiría “reducir o tempo de traxecto actual de dúas horas e media a só 50 minutos, ofrecendo unha alternativa competitiva, fiable e rápida”.

Ademais, o presidente galego lembrou, ademais, que o volume de usuarios da actual liña ferroviaria entre ambos países non deixou de medrar, chegando en 2023 aos 145.000 viaxeiros, o que proba a necesidade dunha infraestrutura moderna e eficiente. “Non é de recibo que dúas cidades tan puxantes como son Vigo e Porto estean conectadas por un tren que non é digno deste século”, engadiu.

O presidente galego recoñeceu os avances realizados por Portugal, que xa adxudicou o primeiro tramo da conexión ata Aveiro por 1.600 millóns de euros, e instou ao Goberno central a actuar con igual determinación. «Non é aceptable que a conexión prioritaria sexa con Madrid, mentres a nosa Eurorrexión segue esperando», afirmou, ao tempo que seguiu reclamando “un calendario detallado de investimentos, de planificación de obras con orzamentos e claro, que se poida controlar e fiscalizar todo o trazado; un impulso real, en definitiva, a eses trámites que levan tantos anos no caixón”.

Neste sentido, Rueda comprometeuse a seguir vixiantes e firmes na defensa desta infraestrutura clave, como así se reflexa no manifesto asinado hoxe por diferentes autoridades de ambos territorios.

No acto deste mediodía, que levou por título Queremos Ave Vigo-Porto, participaron preto de 500 persoas entre autoridades de distintas administracións de ambos lados da fronteira, como o presidente da Rexión Norte de Portugal, Antonio Cunha; así como empresarios; colectivos sociais; académicos e medios de comunicación.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS