A folga de ámbito estatal do sector de transporte afectará no día de mañá, xoves, 5 de decembro, a 6 liñas do servizo municipal de autobuses de Ourense. Así o vén de anunciar o Concello da cidade das burgas e indican nun comunicado que «son concretamente as liñas número 1 Seixalbo – Quintela (Eirasvedras), a 5: Reza – Ceboliño, a 6: Estación de autobús antiga – Carlos Velo, a 7: Covadonga – A Valenzá, a 10 Cabeza de Vaca – Velle e a 15: Santa Cruz – Parque de San Lázaro».
A administración local que lidera o alcade Gonzalo Pérez Jácome indican que o decreto de servizos mínimos aprobado polo Concello establece que se prestará servizo cun 1 vehículo en cada unha das liñas do servizo municipal 1-2-3-4-5-9- 10-11A-11B-12-13A-13B-14-15-16-C17-18-20-21-22-26-27-33, e con 2 vehículos nas liñas 6 e 7. Tamén garantirase o último e o primeiro horario de cada servizo. Os traxectos dos servizos mínimos realizaranse de forma completa.
A folga de ámbito estatal do sector de transporte prevía paros (xa celebrados) os días 28 de outubro, 11, 28 e 29 de novembro máis os que se desenvolverán mañá 5 de decembro e o luns, 9 de decembro, con duración indefinida a partir do 23 de decembro, de ser o caso.