O Auditorio Mar de Vigo transformarase do 12 ao 15 de decembro nun escaparate para mostrar o talento de artistas tanto nóveles como consolidados na primeira edición de ‘Vigo Arte Contemporáneo (VARCO)’. A entrada é libre e o obxectivo da mostra será a interacción directa dos artistas co público, que poderá adquirir obras de artes únicas sen intermediarios.
Os e as artistas estarán presente durante os días do evento para falar sobre as obras e compartir as súas experiencias. Ademais, haberá dispoñible un catálogo da exposición onde poder consultar as obras máis relevantes dos artistas.
Serán un total de máis de 30 artistas os que se acheguen a esta primeira edición de VARCO e que se complementará con actuacións musicais, conferencias, obradoiros, coloquios e gastronomía.
O epicentro da feira está situado no hall do auditorio, onde estarán ubicados os stands coas obras dos artistas, entre os que estarán os pintores recoñecidos José María Barreiro ou Antón Sobral e artistas doutras disciplinas como o fotógrafo Xulio Gil e o escultor Iván Prieto.
«VARCO é unha feira multidisciplinar e interxeneracional» aseguran dende a organización, na que tamén se poderán adquirir obras de artistas como Tatiana Lameiro, a ceramista Lili Algo ou o performer Alberto «Ash» Santos.
“Trátase dunha iniciativa extraordinaria que busca ser un escaparate para o talento, sobre todo de moitos artistas de Vigo, e é unha aposta que chega para quedar» aseguraba na súa presentación Abel Caballero, alcalde de Vigo.
Horarios
Os horarios de apertura e peche do recinto así como das conferencias e obradoiros son os seguintes:
Inauguración – Xoves 12 ás 20:00h con invitación
Venres 13: apertura ás 17:00h.
Sábado 14: De 11:00h a 23:00h.
Domingo 15: De 11:00h a 15:00h.
Obradoiros e conferencias:
Venres – De 16:00h a 17:00h : Conferencia “Las Otras”. Paula Marino.
Sábado– De 10:00h a 11:30h: Obradoiro “Escuela de profes“. Alberto Santos
Sábado – De 16:00h a 17:00h: Obradoiro “Pintura con espátula”. Diana Cordero
Domingo – De 10:00h a 10:45h: Obradoiro “Pintura en seda”. Isabel Pintado.