O emprego caeu en Galicia no mes de novembro en 2.255 persoas mentres que o paro baixou en 472 persoas, segundo os datos facilitados polos Ministerios de Inclusión, Seguridade Social e Migracións e de Traballo e Economía Social.
Así, a afiliación á Seguridade Social en Galicia situouse no pasado mes de novembro en 1.081.121 persoas, o que supón un descenso do 0,21% con respecto ao mes anterior, sendo lixeiramente superior á media de España, onde o emprego caeu un 0,14% ata chegar aos 21.302.463 afiliados.
Tendo en conta os últimos doce meses, a afiliación en Galicia subiu un 1,65%, o que se transforma en 17.555 persoas máis, sendo a media do país algo superior cun 2,39%.
A maior parte dos afiliados na comunidade autónoma galega aglutínase no réxime xeral, con 858.475 persoas, das que 22.461 pertencen ao servizo especial do fogar e 5.929 ao réxime agrario.
O réxime de autónomos ten inscritas 204.245 persoas en Galicia no mes de novembro, e no réxime do mar son 18.402.
No último ano, o paro caeu en Galicia un 7,19 %, case 9.500 persoas, e no conxunto de España o descenso foi menor, do 5,44 %.
Segundo os datos divulgados este martes, o paro descendeu en todas as provincias de Galicia, salvo en Lugo, onde incrementou un 1,65 %, e en todos os sectores, salvo a agricultura, en que houbo 30 parados máis.
Pola súa banda, as mulleres seguen representando case 6 de cada 10 desempregados na comunidade autónoma, un 58,2%, con 70.661 desempregadas por 51.081 homes parados.