miércoles, diciembre 4, 2024
InicioNewsComarcasMos establécese como pioneiro a través do seu novo Plan Estratéxico de...

Mos establécese como pioneiro a través do seu novo Plan Estratéxico de Cultura

O Multiusos das Pozas acolleu a presentación do Plan Estratéxico de Cultura de Mos 2025/2028 ante unha nutrida representación do tecido asociativo cultural mosense. O municipio conta cun total de 93 asociacións e grupos, que supoñen unha media de nove por cada unha das dez parroquias. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto coa concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, e o docente de marketing do Obradoiro de Emprego Queda en Mos II, Darío Costas Rodal, foron os encargados de presentar o programa.

As representantes municipais, a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e a edil de Cultura, Sara Cebreiro, informaron sobre o documento. Este programa “Terá unha vixencia de catro anos e a súa redacción foi contratada a unha empresa especializada en programación cultural”. “Trátase do primeiro Plan Estratéxico de Cultura de Mos e dunha iniciativa pioneira en Galicia. Non temos constancia de concellos galegos de 15.000 habitantes que conten cun Plan Municipal de Cultura”, explicaron Arévalo e Cebreiro. Tamén apuntaron que “se trata dun documento vivo no que recollemos a opinión das asociacións mediante enquisa anónima”.

Durante esta reunión entre asociacións e goberno local estableceuse un debate moi enriquecedor. Tamén recolléronse suxerencias aportadas polos asistentes na xuntanza que se incluirán no documento. Un exemplo destas aportacións son a necesidade dunha liña de axudas para o mantemento e mellora dos locais culturais mosenses, na que se traballará de cara a súa posta en marcha.

Plan Estratéxico de Cultura de Mos 2025/2028

O Plan Estratéxico de Cultura de Mos 2025/2028 está fundamentado e estructurado en oito pilares básicos. En primeiro lugar, aumentar a promoción da cultura e identidade local asociadas á Festa da Rosa. Tamén fomentar a profesionalidade, visibilidade, mobilidade e difusión dos profesionais das artes escénicas e a música. Ademais do proveitamento dos espazos de cultura do concello de Mos como punto de creación, encontro e participación da cidadanía.

Por outra banda, incrementar a participación e colaboración da administración pública e os diferentes colectivos en actividades transversais e aumentar a promoción da cultura relacionada co Camiño de Santiago. Así mesmo, destaca o fortalecemento da produción local das artes escénicas e mellora de espazos para o seu desenvolvemento. Ademais, resalta a protección, promoción, rehabilitación e difusión das actividades de exposición e museísticas do patrimonio cultural e arqueolóxico.

Outro punto destacable é o fortalecemento das relacións institucionais coa emigración galega fundamentalmente a través da coñecida como undécima parroquia mosense. Esta é a Asociación Galega de Residentes de Mos en Bos Aires. O documento inclúe, en cada un dos oito bloques, as pautas a realizar durante os catro anos de vixencia. Ademais, conta cunha análise Dafo (debilidades-amenazas-fortalezas-oportunidades) no ámbito cultural mosense.

Alcaldesa e concelleira de Cultura concluíron que “os tres aspectos e/ou obxectivos máis importantes do Plan Estratéxico son fortalecer aínda máis o Plan Cultural e crear unha liña nova do devandito Plan Cultural para apoiar aos grupos na mobilidade e desprazamentos para actuacións dentro e fóra de Galicia, así como a creación de medidas para evitar o solapamento de actividades entre asociacións e Concello”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS