O Ateneo Amado Garra de Ponteareas organiza o próximo xoves 5 de decembro a terceira e derradeira conferencia do ciclo realiazado nos meses de novembro e decembro con motivo do Ano Amado Garra. A charla terá lugar no Centro Cultural de Xinzo, no municipio de Ponteareas, ás 20:30h.
O título da conferencia é «Amado Garra e o republicanismo» e estará dirixida polo historiador ponteareán Francisco Candeira e o biógrafo de Amado Garra, Roberto Mera. Xuntos, abordarán a traxectoria de Garra como líder republicano dende os primeiros anos do século XX ata 1936, tanto no ámbito da cidade de Vigo como na vila de Ponteareas e O Condado.
Francisco Candeira é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e con especialidade en Historia Contemporánea. Foi profesor de ensino secundario, autor de numerosos libros sobre historia local e comarcal algúns deles relacionados coa temática da conferencia como «Caciquismo e poder local na Galicia da Restauración (Distrito de Ponteareas 1881-1894) ou “Da terra espoliada. Poder político, control social, explotación económica e fame no primeiro franquismo (O Condado, 1936-1959)”.
Pola súa banda, Roberto Mera é licenciado en Dereito e Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela, avogado e autor da biografía de Amado Garra, pola que recibiu o IX Premio de Investigación Fermín Bouza Brey. Tamén é autor da biografía de Alejandro Viana e do libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”. Ademais é o presidente do Ateneo Amado Garra.
Os conferenciantes abordarán o próximo xoves a figura e a traxectoria de Amado Garra como un dos principais líderes republicanos no primeiro terzo do século XX sendo impulsor da organización do republicanismo an súa vila natal e na cidade de Vigo, onde fundou e liderou durante décadas o Partido Republicano Vigués.